DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nove equipos de persoas maiores de 50 presentaron os seus proxectos no Demo Day TaleS 

O campus acolle a final estatal dun programa de emprendemento sénior no que participan nove universidades

O primeiro premio foi para un proxecto da Universidad de Granada

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 25/03/2026

Da man da Cátedra de Idadismo Afaga-Atendo, a UVigo é unha das nove universidades públicas españolas que participa no programa de emprendemento sénior TaleS, que este mércores desenvolvía na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra a súa final estatal. Impulsado polo Centro de Investigación Ageignomics da Fundación Mapfre e coordinado polo Centro Internacional Santander Emprendimiento (CISE), trátase dun programa interuniversitario dirixido a persoas maiores de 50 anos e orientado a impulsar o talento sénior a través dun itinerario formativo especializado, procesos de mentoría e desenvolvemento de ideas empresariais. Finalizado este programa formativo, nove equipos de emprendedores e emprendedoras sénior, en representación das nove universidades participantes, presentaban as súas ideas de negocio no Demo Day da cuarta edición deste programa, no que optaban a alzarse co Premio Nacional TaleS de emprendemento sénior.

A proposta gañadora foi Menoara, un proxecto desenvolvido por Carmen Olmedo, participante en TaleS na Universidad de Granada, mentres que Puentes de Generaciones, realizado por participantes no programa na Universidad de Las Palmas de Gran Canaria, alzouse co segundo premio.

A inauguración deste Demo Day, que por primeira vez se levaba a cabo na UVigo, contou coas intervencións da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; o director do CISE, José Ignacio Rodríguez; o director rexional de Mapfre en Galicia, Francisco Cenador, e o conselleiro asesor do Centro de Investigación Ageingnomics Iñaki Ortega. Na súa intervención, a vicerreitora enxalzou a colaboración entre universidades, fundacións e entidades, que fixeron posible un programa co que as “persoas maiores poden transformar a súa experiencia en proxectos viables que xeran emprego e fortalecen o tecido emprendedor rexional e nacional”. Lantarón felicitou tamén ás e aos responsables dos nove proxectos seleccionados en cada unha das universidades nas se levou a cabo este programa, ao tempo que incidiu en que “na Universidade de Vigo cremos na interxeneracionalidade como motor de progreso, conectando o coñecemento académico con iniciativas empresariais reais”.

Formación e apoio ás ideas de negocio

José Ignacio Rodríguez salientou a “orixinalidade” das ideas defendidas neste Demo Day, felicitando ás e aos participantes por ter ideado “uns modelos de negocios innovadores, cunha potente proposta de valor e rigor metodolóxico, ademais dun forte enfoque ao mercado”. O coordinador do programa TaleS en CISE salientou que con este prgorama “axudamos aos sénior no proceso de desenvolvemento de habilidades transversais, fundamentais no ámbito profesional, ademais de guialos no desenvolvemento das súas ideas de emprendemento”.Francisco Cenador, pola súa banda, destacou que esta iniciativa “pon o foco nun dos grandes vectores transformadores da sociedade”, como é o “papel activo da poboación sénior na economía”, ao que Ortega sumou unha serie de datos que amosan a importancia da poboación maior de 55 anos para a economía, lembrando que representan máis dun terzo da poboación en España.

“Proxectos como este poñen de manifesto o verdadeiro potencial do talento sénior”, engadía durante a clausura Juan Fernández Palacios, director de Ageingnomics. “A experiencia acumulada ao longo dos anos permite achegar solucións prácticas, visión estratéxica e un enfoque humano”, subliñou Palacios quen salientou a importancia de iniciativas como TaleS á hora de acompañar ás e aos maiores “que deciden emprender os seus propios proxectos”, achegándolles “formación, méntoring e conexión con redes de apoio”. 

Nove universidades representadas

Fernández Palacios, Ortega e Rodríguez integraron o xurado responsable de escoller os proxectos premiados nun Demo Day ao que acudían os equipos previamente escollidos en cada universidade participante. Na súa edición con maior número de institucións académicas participantes, como lembrou Palacios, TaleS leovuse a cabo de xeito simultáneo nas universidades de Granada, Cantabria, Extremadura, Las Palmas de Gran Canaria, Vigo, Barcelona, Autónoma de Madrid, Salamanca e Zaragoza. 

No caso da UVigo, a proposta seleccionada foi Coaching Art, un proxecto desenvolvido por Karen Ruiz, Olga Castro e Paula Recimil, que conecta os mundos da cultura e da empresa. Isto lévase a cabo, explican, “a través dun proceso formación en habilidades para líderes”, desde o ámbito da cultura, o que implicaría “unha participación activa da empresa das institucións culturais”, á vez que contribuiría á súa “viabilidade” a través do financiamento privado.

A presentación dos proxectos viuse precedida por unha charla motivacional a cargo de Xaime Fandiño, membro da Cátedra Afaga-Atendo de Idadismo da UVigo e completouse coa mesa redonda Emprender en sénior: retos e oportunidades reais. Nela interviñeron Cristina Gil, CEO de Mibrait Aseores; Marta Angélica Salinas, cofundadora de Latinexion; Montse Vázquez, profesora da Facultade de Comunicación e integrante da Cátedra de Idadismo, e José Miguel Álamo, vicerreitor de Cultura, Deporte e Activación Social dos Campus da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria.

Emprender desde a experiencia

O obxectivo de TaleS é fomentar o talento emprendedor de profesionais sénior e facilitar o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais a partir da súa experiencia, sendo unha rede interuniversitaria pioneira en España, na que están conectados máis dun centenar de maiores de 50 anos. As e os participantes nesta cuarta edición recibiron formación en metodoloxía Lean Startup e asistiron a sesións de conexión e apoio con novos emprendedores. 

Como sinalan desde a organización, a experiencia acumulada polos profesionais sénior permítelles achegar solucións prácticas, perspectiva estratéxica e un enfoque humano na creación de novos proxectos, o que se reflicte tamén na súa notable presenza no mercado laboral. Segundo o V Mapa de Talento Senior, elaborado por Ageingnomics, o traballo por conta propia mantén un peso destacado dentro do colectivo sénior en España: dos 3,3 millóns de autónomos totais, 1,03 millóns teñen máis de 55 anos, o que representa o 31,1% do total, así como case un 20% de todos os traballadores maiores. Por outra banda, o VI Barómetro del Consumidor Sénior sinala que as persoas maiores de 55 anos constitúen máis dun terzo da poboación española e que o seu peso económico é clave: achegan unha terceira parte do PIB, situándose como un actor fundamental na economía do país. O informe describe á xeración sénior como un colectivo con capacidade económica, con alto consumo, que aposta pola calidade de vida, saúde e benestar e que apoia economicamente a outras xeracións. De aí que José Ignacio Rodríguez destacase a chamada silver economy “como un motor económico crecente que debería ser aproveitado".

Este centro de investigación da Fundación Mapfre naceu en 2020 coa misión de divulgar unha mirada positiva do cambio demográfico, sobre a base das oportunidades económicas e sociais que supón o envellecemento da poboación. CISE, pola súa banda, é unha institución que fomenta o espírito emprendedor e impulsa a xeración de startups, que pertence á Fundación da Universidad de Cantabria para el Estudio y la Inviestigación del Sector Financiero e conta co respaldo desta universidade, do goberno cántabro e do Banco Santader.