DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberto a participación da cidadanía, terá lugar o xoves 14 en CC da Educación e do Deporte

O campus acolle de novo o único maratón dirixido a incorporar contidos ao ‘Galizionario’

O Emlex Wiktionary Hackfest forma parte das actividades dun mestrado europeo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Internacional
  • Lingua Galega
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 06/11/2019

Inserido nas actividades do mestrado europeo en lexicografía Emlex, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acolleu o pasado ano por primeira vez o Emlex Wiktionary Hackfest, un maratón dirixido a sumar novos contidos ao Galizionario, a versión galega do Wiktionary. A boa acollida que recibiu este "hackatón" motiva que o vindeiro xoves 14 de novembro este centro do campus pontevedrés sexa de novo sede do único maratón dedicado á versión en galego deste dicionario colaborativo multilingüe. Impulsado pola Fundación Wikimedia, o organismo responsable da Wikipedia, o Galizionario caracterízase, ao igual que esta enciclopedia, porque son os propios usuarios e usuarias os responsables da incorporación e edición dos seus contidos.

Aberto a toda a cidadanía interesada e con inscrición gratuíta, este maratón insírese nas actividades dun mestrado Erasmus Mundus, que coordina a Friedrich-Alexander University de Erlangen-Nümberg e no que participan diferentes universidades europeas. De feito, o evento contará coa participación dos alumnos e alumnas que cursan este posgrao na USC e na Universidade do Minho, como parte das actividades da súa materia sobre lexicografía colaborativa, que ten entre os seus docentes ao profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e responsable do comité organizador do evento, Carlos Valcárcel. “O obxectivo é que o estudantado deste mestrado coñeza o Wiktionario, o proxecto de lexicografía colaborativa máis importante, e a persoas envolvidas no seu desenvolvemento”, salienta Valcárcel dunha actividade que conta coa colaboración da Vicerreitoría do campus e que contará coa presenza de editores da Wikipedia e do Wiktionario de diferentes países.

Un evento que reforza o seu carácter internacional

Entre as 12.00 e as 19.30 horas, as e os participantes neste Hackfest traballarán na facultade na incorporación de novos contidos a un dicionario que reúne na actualidade preto de 56.000 entradas. Previamente, o evento abrirase cunha serie de talleres que nesta segunda edición suman a representantes das ramas locais da Fundación Wikimedia en Alemaña e Francia. “Refórzase así o carácter internacional do evento”, salienta Valcárcel, responsable dun comité orgnaizador que completan as docentes María José Domínguez e María Tersa Sanmarco, da USC, Idalete Silva da Universidade do Minho; e o editor do Galizionario Adrián Estévez.. O maratón abrirase co coloquio no que Eneko López ofrecerá “unha panorámica do traballo de edición na edición castelá do Wiktionary, tralo que a alemá Léa Lacroix e o francés Nicolas Vigneron afondarán en como as entradas no Wicktionario aliméntanse doutros proxectos da Fundación Wikimedia, como Wikisource, que permite “extraer exemplos de uso”, ou Wikidata, que posibilita “xerar correspondencias interlingüísticas entre entradas”, apunta Valcárcel.

Tralos coloquios e o acto inaugural, procederase á organización dos grupos de traballo, nos que as os asistentes contarán coa colaboración de varios editores do Galizionario. “Cada participante poderá escoller a súa liña de traballo", salienta Valcárcel, que non obstante explica tamén que o comité organizador proporcionará tamén unha lista de consellos e ideas. De feito, na primeira edición do evento abordouse “a necesidade de centrármonos este ano en traballar dentro do Galizionario sobre a lista Swadesh”, unha compilación de palabras aplicables a calquera lingua, así como nunha listaxe de mil palabras básicas, “que cómpre traducir do galego a outras linguas”.