DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 14 de decembro, a comunidade universitaria pode entregar as súas doazóns no edificio Exeria

O campus acolle, por oitavo ano consecutivo, a campaña solidaria ‘Cada neno, un xoguete’

A pandemia non frea unha iniciativa que é máis necesaria que nunca

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 26/11/2020

Por oitavo ano consecutivo e coa chegada do Nadal, a Universidade de Vigo súmase á campaña Cada neno, un xoguete, un proxecto ideado pola Asociación STOP que anima á poboación viguesa a doar xoguetes para que as rapazas e rapaces en circunstancias económicas complicadas non queden sen agasallos nestas datas. Ata o 14 de decembro, todas as persoas interesadas poden depositar as súas doazóns na planta -1 do edificio Exeria, único punto de recollida no campus, ou no almacén desta agrupación solidaria en Bouzas. 

A pandemia aumenta o número de solicitantes

Na campaña de 2019, a ONG conseguiu case catorce mil xoguetes, dos que cinco mil foron distribuídos a colectivos solidarios, case oito mil entregáronse directamente ás e aos solicitantes e máis de mil foron repartidos na Cabalgata dos Reis Magos. 

Desde a organización subliñan a importancia das doazóns este ano, xa que as consecuencias económicas da pandemia da covid-19 incrementaron o número de solicitantes. Ademais das familias demandantes habituais, agora contan con aquelas que perderon o seu traballo, están en ERTE ou tiveron que pechar os seus negocios pola crise. Neste senso, resaltan que hai un alto porcentaxe de cativada que, despois de tantas edicións, segue na mesma situación de precariedade económica ou incluso empeorou, co que esperan que os donativos axuden a cubrir as novas necesidades. 

Xogos de mesa e elementos informáticos, os máis demandados

Cada neno, un xoguete presenta nesta ocasión máis cambios provocados pola situación sanitaria, sobre todo polos protocolos establecidos. As e os voluntarios, que traballan por quendas de conviventes, non poden aceptar peluches, libros, roupa ou bonecos con elementos téxtiles. Así mesmo, a Asociación STOP adquiriu distintos desinfectantes e dúas máquinas de ozono instaladas no almacén central, ao que só se pode acudir con cita previa para evitar aglomeracións.  

Os xoguetes máis requiridos este ano son os relacionados con películas e series televisivas, crebacabezas, xogos de mesa, dispositivos informáticos, videoxogos e teléfonos móbiles. Unha das moitas agrupacións colaboradoras, Informática Solidaria, será a encargada de revisar o funcionamento dos elementos electrónicos, de ser necesario. 

Como todas as edicións, os solicitantes recollerán directamente as doazóns no almacén central, situado na rúa Paulino Freire. Unha vez agrupados os enredos infantís, serán varias as entidades solidarias viguesas que asistirán ao almacén e, grazas ao programa Juguetes Viajeros, calquera asociación galega legalmente constituída poderá solicitar xoguetes para as familias ás que atenden.