DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada por Tadega e a Facultade de Educación e Traballo Social

O campus acolle o sábado unha xornada sobre a adaptación de materiais educativos para persoas con discapacidade visual

Será impartida pola especialista da ONCE Rosa Garrido

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Diversidade
  • Académica
DUVI Ourense 11/03/2026

O sábado 14 de marzo, o campus de Ourense acolle a celebración dunha Xornada sobre a adaptación de materiais educativos para persoas con discapacidade visual. A actividade está organizada pola asociación sen ánimo de lucro Tadega (Tecnoloxías de Atención á Diversidade na Educación Galega) en colaboración coa Facultade de Educación e Traballo Social. 

Trátase dun obradoiro, eminentemente práctico, impartido pola especialista da ONCE Rosa Garrido, no que as persoas participantes, profesorado das diferentes etapas e niveis educativos e alumnado da facultade ourensá, realizarán adaptacións de materiais didácticos para persoas con discapacidade visual, así como aprenderán estratexias para crear recursos inclusivos e coñecerán de primeira man exemplos prácticos e actividades empregadas en contextos reais.

A iniciativa dá continuidade á liña de colaboración existente entre a Facultade de Educación e Traballo e Tadega, un foro de profesionais maioritariamente galegos de distintos campos profesionais implicados na educación e, dun xeito especial, na atención á diversidade. Formada por arredor de 150 persoas, maioritariamente docentes aínda que aberta a todas as persoas interesadas, esta asociación ten un dobre obxectivo: rachar a coñecida como fenda dixital e investigar, fomentar, compartir, debater, deseñar, adaptar e propor as ferramentas, as maneiras e os métodos para obter o mellor proveito das tecnoloxías dixitais nos campos educativos.