Husni Abdel Wahed falará “en primeira persoa” da evolución e situación do seu país
O campus acolle este venres unha conferencia do embaixador do Estado de Palestina en España
O acto está aberto ás persoas interesadas
O campus de Ourense acolle este venres unha conferencia de Husni Abdel Wahed, embaixador do Estado de Palestina en España. A súa intervención leva por título Palestina en primeira persoa e nela o convidado fará, desde a súa traxectoria persoal e profesional, un achegamento á evolución histórica e á situación actual do seu país marcada pola guerra con Israel. O acto, aberto ás persoas interesadas, con entrada libre sen inscrición previa, está organizado pola Vicerreitoría do campus de Ourense e a Facultade de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo e terá lugar ás 20.00 na sala Emilia Pardo Bazán, no soto do Edificio de Ferro.
Husni Abdel Wahed naceu o 1 de xaneiro de 1960 no campo de refuxiados de Aqabat Jaber, próximo a Jericó, en Cisjordania, a onde a súa familia foi desprazada na guerra árabe-israelí de 1948 e onde comezou un periplo vital que o levaría a Xordania, Bulgaria e Cuba. Así, estudou Primaria e Secundaria en escolas da Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (Unrwa) e escolas públicas de Jericó (Palestina) e Ammán (Xordania); diplomouse en Ciencias Sociais en Bulgaria e acadou a licenciatura e mestrado en Xornalismo na Universidad de La Habana, Cuba.
A súa traxectoria profesional arrancou como xornalista na revista Balsam e continuou como profesor e responsable do Colexio Árabe de Santiago de Chile. Logo foi asesor do Departamento de Educación da OLP e comezou a súa traxectoria política en 2000 ocupando cargos como director do Departamento de Europa e posteriormente de América Latina da Dirección Xeral dos Palestinos na Diáspora, do Ministerio de Planificación e Cooperación Internacional. En 2004 convértese en director xeneral dos Palestinos na Diáspora e posteriormente en director xeral do Mundo Árabe (Ministerio de Asuntos Exteriores).
En 2008 Husni Abdel Wahed comeza o seu traballo en embaixadas, sendo ministro conselleiro da Embaixada de Palestina en México; en Venezuela; embaixador para As Américas e en entre 2015 e 2022 embaixador do Estado de Palestina en Arxentina. Desde marzo de 2022, liderou a misión diplomática palestina en Madrid e o 28 de maio de 2024 converteuse en embaixador do Estado de Palestina en España tras o recoñecemento oficial deste estado por parte do goberno español.
