DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita contará coa participación de 400 persoas

O campus acollerá o 24 de marzo o VIII Trofeo Club Deportivo Aurum

As probas de marcha terán un protagonismo destacado

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Premios
  • Saúde
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI Ourense 21/03/2019

As pistas de atletismo do campus de Ourense acollerán o domingo 24 de marzo o VIII Trofeo Club Deportivo Aurum. 400 persoas, entre nenos e nenas e adultos, participarán nunha competición na que as probas de marcha terán un protagonismo destacado co obxectivo de fomentar a súa práctica na cidade.  

A cita, que se desenvolverá en horario de 10.00 a 14.30 h, está organizada polo Club Deportivo Aurum coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Delegación en Ourense da Federación Galega de Atletismo e o patrocinio do Consello Municipal de Deportes do Concello. Na súa presentación este xoves, Rodrigo Alberte Pivida, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus de Ourense, destacou como a institución académica “como parte activa da cidadanía de Ourense, está encantada de participar neste evento”. Mario Guede, concelleiro de Deportes, salientou pola súa banda a satisfacción que supón a celebración desta nova cita no calendario de atletismo en Ourense.

Eladio Gómez, presidente do Club Deportivo Aurum, destacou na presentación da competición como esta é “a primeira proba federada en pista ao aire libre desta tempada”, marcando a transición das competicións a campo a través e en pista cuberta. Apuntando como agardan que as condicións climáticas permitan o domingo ter “unha xornada moi bonita de atletismo”, Eladio Gómez indicou que “este ano o protagonismo será para as probas de marcha, que serán a metade da programación”. O presidente do Club Deportivo Aurum agradeceu tamén a colaboración da Universidade de Vigo nesta cita e gabou as boas condicións das pistas de atletismo do campus de Ourense. Por último, Ángel Fidalgo, delegado en Ourense da Federación Galega de Atletismo, puxo o aceno en como das e dos 400 participantes no VIII Trofeo Club Deportivo Aurum 200 son nenas e nenos, facendo fincapé na paridade de xénero existente e na importancia desta canteira para o atletismo.