DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Están organizados pola escola Estou

O campus acollerá dous cursos intensivos de monitor de tempo libre en xuño e xullo

As e os participantes obterán o título acreditado pola Xunta de Galicia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Académica
DUVI Ourense 21/05/2019

A Escola de Tempo Libre Universitaria do campus de Ourense (Estou), coa colaboración da Asociación Universitaria de Ciencias da Educación AUCE, volve un ano máis a convocar o seu Curso de Monitor/a de Actividades de Tempo Libre na modalidade intensiva. Como novidade non só se poderá realizar esta formación no mes de xuño senón que, ante a elevada demanda de prazas, o curso repetirase no mes de xullo.

A iniciativa ofrece ás e aos participantes un intenso mes de formación tralo que obterán o título oficial para exercer como monitoras ou monitores de tempo libre con todo tipo de colectivos. Cada día, de luns a venres e en horario de mañá e tarde e nas diferentes instalacións do campus, 25 persoas terán a oportunidade de aprender xogando a dinamizar todo tipo de grupos, desde nenos e nenas ata persoas maiores. As prazas para a edición de xuño, indican desde a organización, esgotáronse ás poucas horas de abrir o prazo de matrícula, quedando só prazas vacantes xa para o mes de xullo.

350 horas de formación

O curso, seguindo o formato de anos anteriores, consta de 350 horas, 200 delas teóricas e 150 prácticas, impartíndose arredor de dez horas diarias. Os docentes serán profesionais do mundo do tempo libre e alumnado que realizou algunha das anteriores edicións do curso da Escola de Tempo Libre Universitaria e que se implica habitualmente nas actividades das entidades organizadoras. Para abordar as temáticas do curso, na súa docencia participarán non só profesionais do eido educativo ou da intervención social senón tamén profesionais do eido da historia ou do turismo. Os contidos que abranguen a formación inclúen todo tipo de actividades destinadas á animación sociocultural e do tempo libre, como xogos tradicionais, grandes xogos, veladas, rutas interpretativas, obradoiros de reciclaxe, actividades na natureza e deportivas, expresión musical e corporal, primeiros auxilios, educación para a saúde, animación á lectura, psicosocioloxía, educación en valores, lexislación e saúde ambiental, entre outras cuestións. Para afrontar esta intensa formación, explican desde a organización, é importante que o alumnado que se matricule estea motivado e interesado por esta área de traballo xa que lles vai a requirir unha grande implicación.

O custe da matrícula é de 150 euros, existindo a posibilidade de que se faga un pago de 120 euros e o resto se faga con moeda social, con 30 horas de participación en actividades de intervención social coas dúas entidades organizadoras, con AUCE e coa Escola de Tempo Libre Universitaria. Ao rematar esta formación, as e os participantes obterán un título de monitores de tempo libre acreditado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e poderán ser monitores de tempo libre nos campamentos que organiza a Xunta de Galicia para todo tipo de públicos, desde nenos e persoas con discapacidade ata persoas maiores ou colectivos específicos.

O perfil de persoas inscritas en anteriores edicións, apuntan desde a organización, é o de estudantes da Facultade de Ciencias da Educación do campus, tanto das diferentes ramas de maxisterio como das de Educación e Traballo Social, sendo o abano de idade de 18 e 25 anos. En todo caso, sinalan, o perfil é moi diverso, aínda que todas e todos os inscritos comparten o feito de ser persoas dinámicas e que teñen actitudes para ser monitores ou monitoras de tempo libre.