Celebrarase na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo entre os días 24 e 26
O campus acollerá esta semana un congreso sobre a protección do ordenamento xurídico ás mulleres en situación de vulnerabilidade
Coa participación de especialistas de Italia, España e Portugal
Esta semana a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo acollerá a segunda edición do Congreso internacional A protección do ordenamento xurídico ás mulleres en situación de vulnerabilidade. Este evento, organizado pola catedrática da Universidade de Vigo María José Bravo Bosch e coordinado pola profesora Carmen Ruiz Hidalgo reunirá entre os días 24 e 26 especialistas de Italia, España e Portugal para debater sobre diferentes temáticas como o dereito penal e o dereito procesual con perspectiva de xénero ou a protección do dereito laboral das mulleres. Entre os poñentes haberá tanto expertos e expertas de universidades como representantes da maxistratura e do tecido empresarial. O evento celebrarase no salón de graos da facultade pero tamén se poderá seguir en directo a través de Campus Remoto.
Tres xornadas de debates e relatorios
O simposio arrancará o mércores 24 pola tarde, a partir das15.30 horas, cun acto de inauguración que contará coa participación da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, Belén Rubio; a directora da Unidade de Igualdade, Yolanda Rodríguez; a directora do Instituto Universitario de Investigación Xustiza e Xénero (IXEX), Inés C. Iglesias Canle e o decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Francisco José Torres. A primeira sesión centrarase na vulnerabilidade feminina na antigüidade, con relatorios sobre a situación da muller na antiga Roma, o exilium feminino e o activismo político no Principado, o fenómeno da spose bambine na antigüidade ou a protección da nai no ius civile, entre outras temáticas.
A segunda xornada do congreso, o día 25, arrancará cunha mesa redonda para debater sobre a necesidade ou non dun dereito penal con perspectiva de xénero. Neste bloque abordaranse temas como a resposta dos tribunais ante algunhas condutas delituosas realizadas por mulleres ou os delitos de violencia doméstica ou de xénero. Tamén se falará sobre como é denunciar a corrupción sendo muller. A segunda parte da mañá deste segundo día será para debater sobre o dereito procesual con perspectiva de xénero, con relatorios sobre a protección dos dereitos das persoas vulnerables; a vulnerabilidade do xénero no sistema de xustiza penal; a proba da violencia sexual ou os conflitos interxeracionais e a mediación familiar.
Xa pola tarde, despois dunha sesión de presentación de comunicacións, desenvolverase outra mesa redonda sobre a protección do dereito laboral das mulleres, na que se tratarán temas como a negociación colectiva como mecanismo para a protección das traballadoras en situación de vulnerabilidade; o impacto da violencia doméstica na muller traballadora ou a igualdade como piar empresarial. Tamén se abordarán aspectos relacionados coa inserción laboral da muller, os coidados domésticos e a economía somerxida e co síndrome da insuficiencia, entendido como lado escuro das mulleres máis brillantes.
O congreso pecharase o día 26 coa presentación de comunicacións e cunha última mesa redonda sobre perspectiva ética e historia das mulleres. Nela, as e os expertos debaterán sobre a dimensión performativa do concepto de vulnerabilidade; a vulnerabilidade e o xénero; a xudicatura como actor político na construción da vulnerabilidade; ou os riscos e percepcións da vulnerabilidade nos espazos público da cidade. Tamén se abordará a figura de Penélope e os seus mecanismos como aristócrata para neutralizar a vulnerabilidade, así como a práctica da damnatio memoriae ou condena da memoria na dinastía Severa, cenctrándose nos casos de Iulia Soemias e Iulia Mamea.
