DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade celebrarase os días 25 e 26 de novembro

Educación e Traballo Social acollerá unha xornada sobre adolescentes con trastorno por déficit de atención e hiperactividade

Organizada pola Fundación Ingada coa colaboración da UVigo, a Deputación de Ourense e Cosaga

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 22/11/2022

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acollerá os días 25 e 26 de novembro a xornada Adolescentes e Xoves con TDAH: riscos, prevención e abordaxe. A cita está organizada pola Fundación Ingada coa colaboración da Universidade de Vigo, a Deputación de Ourense e Cosaga.

A cita abordará o trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH) na adolescencia e mocidade e as dificultades e riscos que pode significar, así como as estratexias de prevención e abordaxe que as e os rapaces afectados, familias e profesionais que traballan no eido da mocidade deberían coñecer. Na inauguración da xornada participarán Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense; Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, e Juan Trigo, secretario da Fundación Ingada.

Abordaxe desde diferentes perspectivas

A primeira sesión da xornada, que se desenvolverá na tarde do día 25, Celia Domínguez, neuropsicóloga e vogal do padroado da Fundación Ingada, explicará as características e factores de risco do TDAH na adolescencia. Pola súa banda, o xenetista Ángel Carracedo, presidente de Ingada e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, abordará as bases xenéticas deste trastorno e das adiccións, e Antonio Rial, psicólogo e profesor da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, falará da educación na era dixital.

O sábado 26, en horario de mañá, a programación arrancará cunha conferencia de Manuel Isorna, profesor da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense e presidente autonómico de Socidrogalcohol, sobre TDAH e consumo de substancias, ofrecendo algunhas claves ao seu respecto para educadoras e educadores. Patricia Gómez, psicóloga e membro da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, falará á súa vez das relación afectivo-sexuais saudables, e José Lamas, psicólogo deportivo, de deporte e ocio saudable para a prevención destes trastornos por déficit de atención e hiperactividade.