Terán lugar os días 20, 21, 27 e 28 de febreiro
O campus acollerá unhas xornadas de formación en emprendemento dirixidas ao alumnado universitario
Contando co apoio do Campus Auga
Os días 20, 21, 27 e 28 de febreiro, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acollerá a celebración das Xornadas formación para a innovación. O emprendemento do alumnado universitario. Os obxectivos desta iniciativa, indican desde a súa organización, “son alentar o espírito emprendedor entre o alumnado do campus, dándolles asesoramento e traendo a emprendedores para que aprendan deles”.
A actividade está coordinada por Javier Rodeiro e María Montserrat Cruz, profesorado respectivamente da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Ademais conta co apoio e financiamento do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia. As xornadas, de balde, están recoñecidas cun crédito ECTS, ademais de diploma acreditativo.
Segundo explican desde a súa organización, a iniciativa “quere axudar ao alumnado do campus nas tarefas e resolución de dúbidas para a posta en marcha da súa empresa”, animando a participar nela a todo aquel estudantado que teña gañas de emprender ou que dubida de facelo ou non. Sobre o espírito emprendedor universitario, apuntan que “hai alumnado que participa en proxectos nacionais e internacionais coas súa as ideas e son moi ben valoradas” e que poden ser aliciente para que outros estudantes tamén emprendan. Así, a programación das xornadas tamén contará coa participación de emprendedoras e emprendedores que poden axudar co seu exemplo ao alumnado interesado.
Catro tardes de actividade
A programación divídese en catro sesións, cada unha delas cunha duración de catro horas que se desenvolverán en horario de tarde na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Arrancará o día 20 coa presentación da actividade e o desenvolvemento da primeira unidade formativa, centrada na idea de negocio, da súa avaliación e diagnose inicial, e impartida pola profesora Nuria Rodríguez. O día 21 as xornadas afondarán, da man do profesor Diego Rodríguez-Toubes, no modelo de negocio, na súa conceptualización, enfoques e deseño, e en ferramentas como lean startup e lean canvas.
A terceira das sesións terá lugar o 27 de febreiro e terá como temática a promoción e márketing. A profesora Noelia Araújo explicará ao alumnado presente conceptos básicos de marketing, de investigación de mercado, de estratexias de marketing para emprendemento e de construción de marca. A iniciativa pecharase o día 28 cunha unidade formativa sobre contabilidade e finanzas a cargo do profesor Ernesto López-Valeiras. Nela abordaranse conceptos básicos de alfabetización financeira; os estados financeiros; as fontes de financiación; a contabilidade de custes; indicadores de medición do rendemento e boas prácticas. Por último, durante as xornadas presentarase ademais un libro sobre emprendemento no que participan boa parte do panel de relatoras, relatores e organización desta actividade.