DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun coloquio celebrado este mércores

O campus afonda desde un punto de vista xurídico na actual “desorde internacional”

Participaron as profesores Belén Sánchez, Laura Movilla e Annina Cristina Bürgin

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Internacional
  • Académica
DUVI Ourense 04/03/2026

Coa actualidade marcada polo desenvolvemento da guerra en Irán, as facultades de Dereito e de Relacións Internacionais do campus de Ourense celebraron este mércores un coloquio no que abordaron desde un punto de vista xurídico o actual escenario global. A actividade levou por título Unha nova orde internacional sen dereito internacional? A desorde internacional 4.0 e o dereito internacional público e nela interviron Belén Sánchez, Laura Movilla e Annina Cristina Bürgin, profesoras da Área de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo. 

Incumprimentos e dobres estándares

Segundo explicou Laura Movilla a orde internacional baseada en normas xurdida tras a II Guerra Mundial atravesa hoxe unha profunda ‘desorde 4.0’. Aínda que o dereito internacional público, afirmou, “nunca estivo tan desenvolvido nin contou con tantos organismos e tribunais, o seu principal problema segue sendo a aplicación desigual por parte dos propios estados que o crearon”. Neste senso apuntou que “os incumprimentos e dobres estándares non son novos, pero na actualidade obsérvanse con maior intensidade, sistematicidade e cunha hostilidade explícita cara á propia orde xurídica internacional”.

En primeiro lugar, o dobres estándares, explicou Laura Movilla, “maniféstanse na resposta desigual ante violacións graves do dereito internacional, como se viu na distinta reacción global ante as guerras de Ucraína e Gaza, ou fronte a ameazas de invasións recentes. Esta selectividade erosiona a credibilidade do sistema”. En segundo lugar, engadeiu, “prodúcense incumprimentos sistemáticos e sistémicos de principios estruturais como a prohibición do uso da forza, o respecto á integridade territorial ou a non inxerencia”. A profesora da UVigo apuntou que “a diferenza do pasado, onde certos estados como EEUU mantiñan polo menos un discurso de respecto xeral ao dereito internacional, agora obsérvase un desprezo aberto por estas normas”. Outros elementos a considerar sobre este escenario apuntados por Laura Movilla foron “o abandono ou boicot de institucións multilaterais, como a retirada anunciada de EE UU de decenas de organismos internacionais”, a crise financeira da ONU por falta de pagamentos de cotas e a proliferación de ataques directos ao dereito internacional e ás institución internacionais. “Todo iso fainos preguntarnos se estamos ante un episodio pasaxeiro ou ante un cambio de paradigma que podería conducir a unha erosión profunda da orde xurídica internacional, mesmo cara unha lóxica de lei do máis forte”, dixo a profesora.

Principios estruturais do dereito internacional

Pola súa banda, Belén Sánchez explicou que “se miramos ao ámbito internacional non cabe dúbida de que vivimos unha época que, como mínimo, podemos cualificar como convulsa”. Neste sentido, sinalou que “algún dos conflitos máis recentes como a agresión da Federación Rusa a Ucraína, de Estados Unidos e Israel a Irán ou, por exemplo, a ‘incursión’ de Donald Trump en Venezuela ou o seu ‘desexo’ de anexionarse Groenlandia supoñen graves violacións do dereito internacional”. Probablemente, engadiu “todos nós oísemos, aínda que en moitas ocasións non coa firmeza que nos gustaría ou que demandan as circunstancias, que estamos ante graves violacións ou violacións da legalidade internacional, que estamos ante unha desorde mundial ou que camiñamos cara a unha nova orde internacional”. Neste contexto a xurista puxo sobre a mesa a pregunta de que é a legalidade internacional. Respondendo a esa pregunta “aínda que a resposta lévanos a distintos ámbitos materiais”, a profesora fixo un repaso en primeiro lugar polo principios estruturais do dereito internacional, “principios que son de obrigado cumprimento para todos os estados, como a prohibición do uso da forza ou a ameaza do uso da forza, a obrigación de resolver pacificamente as controversias ou o respecto á integridade territorial dos estados”.

Multilateralismo alén de EE UU, Rusia ou China 

Á súa vez, Annina Cristina Bürgin  sinalou que “a pesar dunha aparente desorde mundial e violacións graves de principios estruturais do dereito internacional público, arguméntase que o multilateralismo e o cumprimento de normas internacionais seguen existindo”. Esa observación, detallou, explícase a través de tres ideas xerais. En primeiro lugar, citou que o dereito internacional público non só establece normas para as grandes cuestións de paz e guerra, senón que é o ordenamento xurídico internacional que regula practicamente todos os ámbitos das nosas vidas “e na nosa opinión, funciona alí, coas súas deficiencias, onde non se ve ou non se aprecia no día a día porque parece normal”, pondo como exemplo a aviación civil internacional. 

En segundo lugar Annina Cristina Bürgin citou a cooperación internacional, apuntando que recentes “resultados tanxibles como o Acordo de Alta Mar no marco da ONU” e en terceiro que “a sociedade internacional é máis que os EEUU, Rusia ou China”. Neste punto afirmou que “a actuación das grandes potencias non debe eclipsar aos demais 190 estados membros das Nacións Unidas que si están apostando polo sistema multilateral, pola propia ONU e o cumprimento das normas internacionais”. Proba diso, indicou “o liderado mostrado en defensa do dereito internacional público e o uso dos mecanismos e instrumentos institucionalizados por estados, por exemplo é o caso de Sudáfrica versus Israel ou os Pequenos Estados Insulares en relación co litixio climático ante a Corte Internacional de Xustiza e o Tribunal Internacional de Dereito do Mar ou a “Iniciativa mundial para reactivar o compromiso político co dereito internacional humanitario”, lanzado por Brasil, China, Francia, Xordania, Casaquistán e Sudáfrica e á que se incorporaron moitos estados.