DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Profesorado da UVigo ofrece varios seminarios destinados a persoas de máis de 50 anos

Do campus a Allariz para falar de historia, arte e fiscalidade

No marco do programa Mareas do Coñecemento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Ourense 04/06/2024

Desde 2018, a Universidade de Vigo desenvolve unha iniciativa que baixo o nome de Mareas do Coñecemento busca expandir as actividades formativas do seu Programa para Maiores á poboación de máis de 50 anos de diferentes comarcas das provincias de Pontevedra e Ourense. Entre os concellos que durante este mes de maio e xuño están a acoller esta programación, que imparte profesorado da UVigo, está o de Allariz. Nel, a profesora Ana Cebreiros foi a encargada de ofrecer en maio un seminario no que falou sobre a historia e a arte na zona, abranguendo desde o xacemento de Armea á igrexa de Santa Mariña de Augas Santas e incluíndo non só charlas senón tamén visitas a enclaves de interese. Desde finais de maio e ata o 6 de xuño está a desenvolverse un segundo seminario no que as persoas interesadas poden adentrarse, da man do profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo Alberto Vaquero, na “supervivencia en materia fiscal”. O obxectivo deste seminario, explica o seu docente, é comprender como funcionan as principais figuras tributarias que máis afectan á cidadanía e coñecer como facer unha correcta planificación fiscal. Así, entre outras cuestións, abórdase o tratamento dos ingresos por pensións, alugueiros, instrumentos financeiros, plans e fondos de pensións e venda de activos.