DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do proceso de acreditación desta especialización

O Campus da Auga avanza coa constitución do seu comité de dirección

Está formado por 13 membros

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 13/12/2019

O Campus da Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense, deu este venres un novo paso coa constitución do seu comité de dirección. O novo modelo de gobernanza do Campus da Auga, aprobado anteriormente polo Consello de Goberno da Universidade de Vigo, integra a todos os centros que forman parte del e está composto por un total de 13 persoas.

A constitución do comité tivo lugar no edificio do Campus da Auga presidida por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo. “Este é un paso necesario, obrigatorio, para a posta en marcha do Campus da Auga, o campus de especialización do campus de Ourense, do cal agardamos moito”, dixo o reitor. Reigosa recalcou como aínda que agora se dá este paso na gobernanza do proxecto, “xa hai moito traballo andado”, destacando “as fortalezas no eido investigador e no eido docente” no proxecto de especialización do campus de Ourense. “Nós agardamos que todo este proceso remate coa acreditación do campus como un campus de especialización e que sexa un dos primeiros en acadalo. Estamos moi esperanzados”, recalcou.  

Membros e funcións

O comité de dirección do Campus da Auga está formado polo reitor da Universidade de Vigo como presidente; Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, como vicepresidenta, e Enrique Barreiro, director do Campus da Auga, como secretario. Como vogais están as e os directores e decanos dos sete centros propios do campus de Ourense ou as persoas nas que deleguen; Ana Mª Torrado, coordinadora do Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentario do Campus da Auga (Citaca);  José Eugenio López, coordinador do Programa de Doutoramento de Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento, e Javier Rodeiro, director do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación en Ourense (CITI).

As funcións do comité de dirección, que se deberá reunir como mínimo unha vez ao ano, son múltiples e abranguen cuestións como definir os obxectivos do campus de especialización, analizar a situación do mesmo, definir os aspectos a mellorar e establecer as actuacións a levar a cabo que promovan a especialización e a diferenciación do Campus da Auga. Outras das súas función son aprobar a execución orzamentaria do Campus Auga e elevar aos órganos competentes da Universidade propostas de títulos oficiais ou propios, acordes aos retos sociais e ás demandas do tecido produtivo nos ámbitos de especialización do Campus Auga. Anualmente presentará un informe de avaliación de actuacións realizadas no Consello de Goberno, no Consello Económico-Social e no Consello de Campus. Este comité de dirección terá dous comités consultivos: un comité de persoas expertas nas áreas de especialización do campus e outro social-empresarial, formado por representantes das empresas, administracións públicas e entidades sociais da contorna.