Presentaranse 26 comunicacións de especialistas do eido público e privado
O Campus Auga celebra os días 8 e 9 de outubro o seu congreso internacional, centrado na aplicación da innovación aeroespacial aos retos ambientais
O eixo da programación será a interrelación entre satélites, plataformas, drons e teledetección
Os días 8 e 9 de outubro o campus de Ourense celebra o VI Congreso Internacional do Campus Auga, coa temática Sistemas aeroespaciais para respostas multisectoriais ante desafíos ambientais. O eixo central da súa programación será a interrelación entre satélites, plataformas de grande altitude, drons e tecnoloxías de teledetección, "ferramentas que están a revolucionar a forma en que observamos, analizamos e xestionamos o territorio”. A cita está organizada pola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Vicerreitoría do Campus de Ourense e promovida polo Campus Auga, o proxecto de especialización acreditado e financiado pola Xunta de Galicia.
Nun escenario global marcado pola presión sobre os recursos naturais, "a intensificación dos fenómenos climáticos extremos e a necesidade de avanzar cara a modelos de desenvolvemento máis sostibles, este congreso propón unha mirada integradora e estratéxica sobre o potencial das tecnoloxías aéreas e espaciais”, sinalan desde o comité organizador do congreso. A cita, que conta co patrocinio da Deputación de Ourense, “preséntase como un espazo de referencia para comprender como a innovación aeroespacial está a redefinir a xestión ambiental e a resposta aos grandes retos ecolóxicos do noso tempo”. Así, reunirá a persoal investigador, profesionais, empresas tecnolóxicas, entidades do sector primario e administracións públicas, “creando unha contorna única para o intercambio de coñecemento e a xeración de sinerxías”.
Mesas redondas, comunicacións e demostracións
O congreso arrancará, tras a súa inauguración oficial, cunha conferencia inaugural titulada GNSS R: innovación aeroespacial para comprender e responder aos desafíos ambientais, de Estel Cardellach Galí, investigadora do Institut d’Estudis Espacials de Catalunya e do Instituto de Ciencias do Espazo (ICE CSIC). Ao longo dos dous días de congreso haberá mesas redondas sobre Agricultura de Precisión e Produción Sostible; Incendios Forestais e Seguridade Ambiental; e Cambio Climático, Urbanismo e Planificación Territorial na Xestión da Auga e dos Recursos Naturais. Presentaranse os avances máis recentes en ámbitos clave como a monitorización de cultivos e agricultura de precisión, “con aplicacións que permiten optimizar rendementos, reducir custos e minimizar impactos ambientais”, e a xestión eficiente da auga mediante sistemas de observación capaces de anticipar necesidades e mellorar a planificación hídrica. Tamén se abordará a prevención e xestión de incendios forestais, “onde a información en tempo real e os modelos preditivos convertéronse en aliados imprescindibles” e os impactos do cambio climático, “analizados desde unha perspectiva transversal que conecta ciencia, tecnoloxía e políticas públicas e onde modelos de predición ambiental que integran datos aeroespaciais permiten anticipar riscos, avaliar escenarios e apoiar a toma de decisións”.
Nesta programación terán un papel destacado diferentes grupos de investigación da Universidade de Vigo, que presentarán diferentes proxectos e iniciativas que están a desenvolver no eido da temática do congreso. Así, participarán membros do Aerospace and Transportation Systems Laboratory (Aerolab), do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais (GTA), do Grupo de Enxeñaría Física, de EPhysLab (Environmental Physics Laboratory) e da Escola de Enxeñaría Forestal, entre outros.
Tamén haberá, o día 9 ás 10.15 h, varias demostracións de sistemas aéreos, a cargo do grupo de Aerolab, do proxecto Aeroganp, liderado polo Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (Ifcae) da UVigo, e do equipo Pagaso de inhibición de drons e helicóptero da Garda Civil. A conferencia de clausura leva por título Uso de pseudo-satélites para a vixilancia de ecosistemas e resposta ante catástrofes naturais e será ofrecida por Rubén Moreno, enxeñeiro xefe en Skydweller Aero. Ademais, ao longo do evento presentaranse arredor de 26 comunicacións e pósters.
A programación do congreso, indican desde a súa organización, combina relatorios, mesas redondas con especialistas multisectoriais, demostracións tecnolóxicas e presentación de casos de éxito reais que “amosan como estas ferramentas xa están a transformar a xestión ambiental en múltiples sectores”. Esta diversidade de formatos, engaden, permitirá ao público asistente “coñecer tanto os fundamentos científicos como as aplicacións prácticas que están a marcar tendencia”. En todo caso e máis aló da presentación de resultados e proxectos, “o VI Congreso Internacional do Campus Auga concíbese como un punto de encontro estratéxico para impulsar a colaboración entre sectores, fomentar a transferencia de coñecemento e promover solucións innovadoras que reforcen a resiliencia ambiental”. A súa vocación, subliñan desde a UVigo, “é clara: contribuír a que a sociedade dispoña de mellores ferramentas para afrontar os desafíos presentes e futuros”.
