O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 12 de setembro
O Campus Auga convoca unha nova edición dos seus premios de investigación, transferencia e divulgación científica
Financiados ao abeiro do convenio coa Xunta de Galicia
O Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia, ten convocada a sétima edición dos seus Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica. Con esta iniciativa búscase recoñecer e estimular os esforzos do persoal investigador da Universidade de Vigo que contribúe a desenvolver a singularización do Campus Auga.
A convocatoria, recóllese concretamente nas súas bases, está destinada a premiar accións destacadas do persoal docente e investigador, persoal investigador e estudantado da UVigo no ámbito da investigación, transferencia e a divulgación científica que contribúan a situar e consolidar o campus de Ourense como un referente internacional en alimentación funcional, agricultura e medio ambiente e xestión da auga. Trátase, sinalan, de contribuír con eles a mellorar a proxección investigadora e social do “campus de Ourense-Campus Auga como un campus líder nestas temáticas”. A dotación económica dos galardóns, que ascende ata un máximo de 12.000 euros, faise ao abeiro do convenio de colaboración asinado pola Universidade de Vigo coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia para financiar o Campus Auga.
Cinco modalidades
Na categoría de premios de investigación distinguiranse traballos fin de grao e fin de mestrado; tese de doutoramento e contribucións científicas de alto impacto publicadas en 2022, 2023 ou 2024. Enténdese por contribucións científicas aquelas que se realizan nos medios de difusión propios de cada ámbito de coñecemento, como poden ser artigos en revistas indexadas, libros, capítulos de libros, monografías, recensións, etc. Na categoría de premios de transferencia quérese “distinguir os resultados relevantes de transferencia, entendendo como tales patentes en explotación, produtos ou servizos comercializados por algunha empresa, estudos e informes de impacto contrastado, sempre que fosen resultado dun proxecto ou contrato realizado na Universidade de Vigo e finalizado en 2022, 2023 ou 2024”. Por último, cos premios de divulgación científica búscase tamén distinguir accións e actividades deste tipo realizadas no mesmo periódico e que contribúan á promoción do Campus Auga e a divulgar a acción e o coñecemento científico producido no seu seo.
En total serán cinco as modalidades premiadas: premio ao TFG/TFM máis destacado; premio de investigación a teses de doutoramento; premio de investigación á mellor contribución científica; premio ao mellor resultado de transferencia e premio a accións ou actividades de divulgación científica. Pode concorrer a calquera das modalidades persoal docente e investigador ou persoal investigador que no momento da convocatoria se atope en situación de servizo activo na Universidade de Vigo, e o estudantado desta institución académica matriculado nos cursos 2022-2023 ou 2023-2024 que cumpra os requisitos da modalidade do premio ao que se presenta. Unha comisión elixirá os traballos galardoados, estando dotados os premios con diferentes contías económicas segundo a modalidade e un diploma acreditativo. Excepto en divulgación científica, en cada unha das modalidades (traballos fin de grao e mestrados; teses de doutoramento; contribucións científicas e transferencia) haberá tres premios en metálico, un por cada unha das seguintes temáticas: alimentación funcional; agricultura e medio ambiente e xestión da auga. O prazo de presentación de solicitudes abrangue do 1 ao 12 de setembro de 2025.
