DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de decembro

O Campus Auga convoca os seus V Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica

Están dotados con 3600 euros pola empresa Viaqua

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 22/11/2022

Dentro da política de impulso e fomento do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga, a Universidade de Vigo vén de convocar os V Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica Campus Auga, destinados a recoñecer e estimular accións relevantes en temáticas relacionadas cos recursos hídricos. Os galardóns están dotados cun total de 3600 euros pola empresa Viaqua, no marco dun convenio de colaboración asinado entre esta empresa e a institución académica.

Estes premios pretenden estimular a promoción do Campus Auga distinguindo accións destacadas no ámbito da investigación, a transferencia e a divulgación que contribúan a situar e consolidar o campus de Ourense como un referente internacional en temáticas relacionadas coa auga. Poden concorrer a calquera das modalidades dos galardóns persoal docente e investigador que no momento da convocatoria se atope en situación de servizo activo na Universidade de Vigo e o alumnado desta institución académica matriculado no curso 2020/2021 ou no curso 2021/2022 que cumpra os requisitos da modalidade do premio á que se presentan. O prazo para a presentación de solicitudes remata o día 30 de decembro de 2022.

Cinco categorías

Os galardóns teñen cinco categorías: premio ao traballo fin de grao/traballo fin de mestrado máis destacado; premio de investigación a teses de doutoramento; premio de investigación á mellor contribución científica; premio ao mellor resultado de transferencia e premio a accións ou actividades de divulgación científica. Enténdese por contribucións científicas aquelas que se realizan nos medios de difusión propios de cada ámbito de coñecemento, como poden ser artigos en revistas indexadas, libros, capítulos de libros, monografías, recensións, etc. En canto a resultados de transferencia, enténdense como tales patentes en explotación, produtos ou servizos comercializados por algunha empresa, estudos e informes de impacto contrastado, sempre que fosen resultado dun proxecto ou contrato realizado na Universidade de Vigo. Ningún solicitante pode concorrer simultaneamente a máis dunha modalidade destes galardóns.

Unha comisión presidida polo director do Campus Auga avaliará as propostas presentadas. Os criterios de valoración dos méritos nos premios de investigación e transferencia serán o vencello con temáticas da auga; a orixinalidade e innovación no tratamento dos temas obxecto do galardón; a calidade, rigor e metodoloxía científica axeitadas ao problema exposto e a utilidade ou aplicabilidade social e científica e a factibilidade de achegar a resolución de problemas ou necesidades científicas ou sociais. No caso da categoría de divulgación científica os méritos a valorar serán o vencello con temáticas da auga; a creatividade no tratamento dos temas obxecto do galardón; a calidade, rigor e claridade da linguaxe empregada na divulgación científica e o impacto potencial ou factual da achega. Segundo a categoría, a contía de cada premio oscila entre os 500 e os 800 euros, suxeita ás retencións do IRPF que estableza a normativa vixente.

No marco dun convenio de colaboración

Os Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga convócanse ao abeiro dun convenio marco de colaboración asinado en 2021 entre Viaqua e a Universidade de Vigo. O acordo dá continuidade ao existente anteriormente e o seu obxecto é “a posta en marcha dun conxunto de accións e iniciativas encamiñadas á promoción e ao impulso da xestión e tratamento de augas no ámbito docente e de investigación universitaria", centrándose as accións nas titulacións deste ámbito e no proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga. Cunha duración de dous anos, o convenio contempla diferentes modalidades de colaboración, entre elas a convocatoria destes Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga.