DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o día 30 de abril

O Campus Auga destinará 80.000 euros a proxectos realizados por persoal investigador con traxectoria excelente

A iniciativa de especialización do campus de Ourense tamén foi distinguida cun dos Premios Semente

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Premios
  • Investigación
DUVI Ourense 09/04/2026

O Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia, acaba de lanzar unha convocatoria de axudas destinada a financiar proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente. Cun orzamento máximo de 80.000 euros, esta iniciativa busca potenciar a captación e retención de talento, concretamente do persoal investigador adscrito ao programa Ramón y Cajal no campus de Ourense, e potenciar as liñas de investigación do Campus Auga. O prazo de presentación de solicitudes está aberto desde o día 10 ata o 30 de abril de 2026, ás 23.59 horas (hora peninsular española).

Tres áreas temáticas

A convocatoria está financiada ao abeiro do convenio de colaboración existente entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de accións estratéxicas no Campus Auga de Ourense (2024-2027). A subvención máxima para cada proxecto é de 20.000 euros e destinarase a financiar a investigación durante a anualidade 2026, na que deberá executarse o plan de traballo presentado. Os proxectos realizaranse de forma individual, cun investigador ou investigadora principal e un equipo de investigación proporcional ás tarefas a realizar, e deberán enmarcarse nas áreas temáticas das liñas de especialización do Campus Auga, que son alimentación funcional, agricultura e medio ambiente e xestión da auga termal. 

O investigador principal do proxecto deberá cumprir unha serie de requisitos, como ser persoal investigador adscrito ao programa Ramón y Cajal da convocatoria do ano 2024, que tomase posesión efectiva da súa praza nesa categoría na Universidade de Vigo, en centros do campus de Ourense, antes da publicación desta convocatoria e non ser investigador ou investigadora principal dun proxecto Inou 2026 ou Inou+ PosDou Campus Auga 2026. Tampouco poderá figurar na solicitude de máis dun proxecto. A convocatoria tamén inclúe unha serie de requisitos para o persoal do equipo de investigación do proxecto, como ter unha relación contractual coa Universidade de Vigo a tempo completo con capacidade para desenvolver tarefas investigadoras ata a data de finalización do período de execución da subvención e desenvolver o seu labor investigador en instalacións do campus de Ourense, entre outros aspectos.

A avaliación das solicitudes será efectuada por unha comisión que estará composta polo vicerreitor do campus, ou persoa en quen delegue; unha persoa representante do comité de dirección do Campus Auga e outra do comité consultivo de persoas expertas do Campus Auga. O criterio de avaliación das persoas solicitantes será o curriculum vitae relacionado coas áreas temáticas das liñas de especialización do Campus Auga e os criterios de avaliación dos proxectos serán os de calidade e viabilidade da proposta; impacto esperado dos resultados relacionado co Campus Auga; adecuación do orzamento solicitado e medida positiva relativa a presenza de mulleres investigadoras. 

Premios Semente

Tamén en relación co Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense foi distinguido recentemente nos Premios Semente, organizados polo Concello de Xinzo de Limia co obxectivo de valorizar o esforzo, traxectoria e capacidade de innovación do sector primario no sur da provincia de Ourense. Entre as once persoas e entidades galardoadas nesta edición de 2026 o Campus Auga foi distinguido na categoría de Investigación Agraria. No acto de entrega dos galardóns, celebrada o pasado 27 de marzo, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, agradeceu este recoñecemento e puxo en valor o traballo do Campus Auga. O resto de galardoados nos premios foron Harinas Hermanos Reyes; Gallega de Patatas, SLU; Melani Araujo García; Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde; a Festa da Pataca de Vilar de Barrio; o Campeonato de España de Tortilla de Patatas; o GDR 10 Limia-Arnoia; Campo Galego; Abel Sotelo Castillo e Vegalsa-Eroski.