DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores entregáronse os galardóns da segunda e terceira edición dos seus premios

O Campus Auga distingue o esforzo en investigación, transferencia e divulgación sobre recursos hídricos

En total recoñecéronse once iniciativas de persoal docente e investigador e alumnado da UVigo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 14/04/2021

A Universidade de Vigo celebrou este mércores o acto de entrega dos galardóns correspondentes á II e III edición dos Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga. En total distinguíronse once iniciativas de persoal docente e investigador e alumnado da Universidade de Vigo. Estes galardóns, financiados por Viaqua, pretenden estimular a promoción deste proxecto de especialización do campus de Ourense. Tamén este mércores se constituíu o Comité Consultivo Social-Empresarial do Campus Auga.

Na acto de entrega, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, destacou como estes premios “dan visibilidade ao noso campus e á nosa colaboración próxima tanto con institucións coma con empresas, algo fundamental no noso día a día”, agradecendo “o compromiso co noso campus e co Campus Auga” dos membros da comunidade universitaria e autoridades presentes. Dos traballos galardoados, a vicerreitora subliñou como “son moi diversos, como corresponde a un elemento tan transversal como é a auga”. Igualmente Nelson Pérez, director do Campus Auga, salientou o traballo de investigación, transferencia e divulgación realizado polos galardoados e galardoadas. Pola súa banda, Marcos Martín González, director xeral de Viaqua, recalcou a importancia de apostar polo desenvolvemento do coñecemento e a súa transferencia “nun momento no que a pandemia puxo enriba da mesa máis que nunca a importancia do coñecemento e a ciencia para o futuro da sociedade”. As e os premiados recolleron os seus diplomas de mans das autoridades presentes, entre as que estaban Jorge Pumar, deputado provincial; Armando Ojea, tenente de alcalde de Ourense; José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, e Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta en Ourense.

Galardóns da II edición

Na segunda edición dos galardóns, cuxo acto de entrega se veu aprazado pola pandemia, concedéronse cinco premios e dous accésits a seis estudos e unha iniciativa. O premio á mellor tese de doutoramento foi para Novas perspectivas na aplicación dos procesos de oxidación avanzada, da investigadora do grupo Bioenxeñaría e Procesos Sostibles (Biosuv) Aida María Díez. Nesta categoría tamén se concedeu un accésit á tese Tratamento biolóxico de compostos fenílicos, de Alicia Pérez. O premio ao traballo fin de estudos máis destacado foi para o traballo fin de mestrado Estudo da reproducibilidade computacional do CMIP5, do investigador do Environmental Physics Laboratory (Grupo Ephyslab) Michael García. Nesta categoría tamén se concedeu un accésit ao traballo Automatización dun sistema hidropónico, de Daniel Rodríguez. O galardón á mellor contribución científica foi para Increasing temperature of cooling granular gases, de Arno Formella. Na modalidade ao mellor resultado de transferencia, o premio foi para Estudo do cambio climático sobe a explotación do sistema eléctrico e a precipitación na conca Miño-Sil, de Juan Antonio Añel e Xavier Labandeira, directores da Cátedra Naturgy da Universidade de Vigo. Por último, o premio á acción ou actividades de divulgación científica foi para a Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas Exxperimenta en Feminino, iniciativa coordinada polas profesoras do campus de Ourense Julia Carballo, da Facultade de Ciencias; Alma Gómez, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, e Nieves Lorenzo, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.

Galardóns da III edición

Na terceira edición foron catro os traballos premiados: unha tese de doutoramento do eido científico-tecnolóxico, un traballo fin de mestrado de arqueoloxía e dous artigos, un do ámbito xurídico e outro do científico-tecnolóxico. O galardón á tese de doutoramento máis destacada foi para Microwave hydrodiffusion and gravity (MHG)-Extraction and characterization of compounds with antioxidant properties, da investigadora do Grupo EQ2 Lucía López. Na modalidade de traballos fin de estudo, o premio foi para o traballo fin de mestrado Materiais prehistóricos de A Ceada das Chas/Castelo de Lobarzán: unha aproximación dende o conxunto cerámico e os seus patróns decorativos, realizado pola investigadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) Lucía Rodríguez. Na categoría de mellor contribución científica, o premio foi para o artigo La protección penal del agua como recurso natural. Una valoración crítica de las diferencias entre España y Portugal, de Virxilio Rodríguez, profesor da Facultade de Dereito. Nesta categoría tamén se concedeu un accésit ao artigo Significant increase of global anomalous moisture uptake feeding landfalling atmospheric rivers, liderado polo investigador Iago Algarra, do Grupo Ephyslab da Universidade de Vigo (CIM-UVigo), e publicado na revista Nature Communications.

Constitución do Comité Consultivo Social-Empresarial

Ademais da entrega dos seus premios, o Campus Auga deu este mércores un novo paso coa constitución do seu Comité Consultivo Social-Empresarial. Nel participan representantes de administracións públicas, empresas, asociacións e outros organismos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal relacionadas coas liñas de especialización desta iniciativa. O seu obxectivo será conectar este campus co tecido económico e social da súa contorna e as súas funcións propor accións de mellora, iniciativas, proxectos e convenios de colaboración con empresas e institucións e fomentar a colaboración universidade-empresa-administración.

A constitución contou coa participación, nalgúns casos de xeito presencial e noutros virtual, de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; Nélson Pérez, director do Campus Auga; Teresa Gutiérrez, directora xeral de Augas de Galicia (Xunta de Galicia); David Olivieri, director do Centro de Intelixencia Artificial (Concello de Ourense); Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil; Nerea Pérez, de Eurocidade Chaves-Verín; Marisol Nóvoa, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense;  Benigno Amor, xerente de Auga de Galicia (Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia) e Asociación de Balnearios de Galicia; Javier Osuna, de Clusaga (Clúster Alimentario de Galicia), e Ramiro Manuel Ramos Moreira GonÇalves, director executivo de AquaValor.

“Este comité é moi importante porque forman parte del actores relevantes que teñen moito que ver coa temática da auga, a nivel de transferencia, a nivel de investigación e a nivel de industria. Para nós é moi importante que estes actores participen na nosa institución, no noso Campus Auga”, comentou o reitor. Este comité, engadiu, “é un axente externo que nos pode dar indicacións importantes para que o que facemos na universidade ao servizo da sociedade”. O reitor amosou o seu agradecemento ás persoas e institucións que aceptaron formar parte deste órgano “peza clave na armazón deste campus de especialización”. Coa posta en marcha deste comité, indicou, “estamos dando os últimos pasos que quedan dentro da folla de ruta do Campus Auga, na que seguimos cumprindo todas as previsións que tiñamos. Agardamos que en breve teñamos todo preparado para poder envialo a avaliación”.