DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da convocatoria de axudas Inou+ Posdou

O Campus Auga financia cinco proxectos relacionados co sector agroalimentario feitos por persoal investigador destacado

Abranguen temáticas que van desde a revalorización do bagazo ata o control sostible do mildio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 12/05/2026

O Campus Auga financiará cinco proxectos relacionados co sector agroalimentario desenvolvidos por persoal investigador destacado da Universidade de Vigo a través da convocatoria de axudas Inou+ Posdou. As iniciativas céntranse en temáticas como a revalorización do bagazo, da pel de pataca, de macroalgas e de variedades tradicionais de millo galego; no control sostible do mildio e no impacto do cambio climático na agricultura en Sudamérica. 

Os proxectos son os beneficiarios da convocatoria da Vicerreitoría do campus de Ourense de axudas a proxectos de persoal investigador na etapa de formación posdoutoral do campus de Ourense-Campus Auga (Inou+ Posdou Campus Auga 2026). A iniciativa está financiada no marco do convenio de colaboración existente entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de accións estratéxicas no Campus Auga (2024-2027). A súa finalidade é contribuír a potenciar as liñas de investigación do proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia, o Campus Auga. Igualmente, a convocatoria quere ser unha vía de retención de talento, para que o persoal investigador novo con contribucións científico-técnicas relevantes e innovadoras teña a posibilidade de liderar proxectos. As axudas deste 2026 recaeron en cinco proxectos, aos que se destina un total de 50.000 euros. 

Da alimentación ao clima

O primeiro dos proxectos leva por título Valorización de subprodutos galegos: bagazo de uva e pel de pataca como fonte para a síntese de filmes bioactivos e ten como investigador principal a Pablo García. O seu obxectivo é a valorización destes subprodutos “aproveitando o seu potencial para obter polifenois con capacidade antioxidante e amidón para a síntese de filmes bioactivos aplicables na industria agroalimentaria”. A iniciativa, indica o seu responsable, non só contribúe á redución do desperdicio e á xestión sostible dos recursos en Galicia, senón que tamén impulsa a innovación mediante o uso de tecnoloxías verdes para crear produtos de interese que beneficien á comunidade local e fomenten unha economía circular no sector agroalimentario.

Pola súa banda, a investigadora María García desenvolverá un proxecto de caracterización nutricional e tecnolóxica de variedades tradicionais de millo galego para a súa reintrodución en cadeas alimentarias sostibles. Tendo en conta a importancia deste cultivo en Galicia, a iniciativa centrarase na “caracterización nutricional e funcional de variedades tradicionais de millo galego procedentes do banco de xermoplasma da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), co obxectivo de identificar aquelas con maior potencial para a súa valorización como ingredientes diferenciados en sistemas alimentarios sostibles”.

O seguinte proxecto é de avaliación de estratexias baseadas en biocompostos para o control sostible do mildio no cultivo da pataca e será realizado pola investigadora Laura Meno. Nel proponse “desenvolver e avaliar unha estratexia alternativa ao sistema de produción actual baseada na substitución dos funxicidas químicos convencionais por ACB (axentes de control biolóxico) e IRV (indutores da resistencia vexetal) para o control do mildio da pataca na comarca da Limia”. Trátase, indica a responsable do traballo, dunha proposta que “encaixa no marco da transición ecolóxica impulsada polas políticas europeas, contribuíndo ao desenvolvemento de sistemas de produción máis resilientes fronte ao cambio climático e menos dependentes de insumos químicos”.

A convocatoria Inou+Posdou tamén financiará o proxecto Codium spp. da costa galega como base para o desenvolvemento de ingredientes funcionais, da investigadora Andrea Rodríguez. “Moitos polisacáridos mariños presentes en macroalgas son aínda descoñecidos. Por ese motivo a caracterización exhaustiva dos polisacáridos presentes en Codium spp. constitúe un paso fundamental e previo para a súa valorización na obtención de novos ingredientes funcionais”, apunta. Neste contexto, o seu proxecto abordará o estudo pormenorizado dos polisacáridos presentes en Codium spp. das costas galegas, coa idea de “avanzar en valorización a través do uso de encimas para a obtención de ingredientes funcionais”.

Por último, o investigador Albenis Pérez realizará un proxecto sobre cambios futuros no transporte atmosférico da humidade e calor e o seu impacto nas condición hidroclimáticas das rexións de agricultura de secaño en Sudamérica. O investigador sinala que “a agricultura de secaño, piar da seguridade alimentaria global, é extremadamente vulnerable á variabilidade climática, debido á súa dependencia das precipitacións e especialmente á ocorrencia de eventos compostos de seca e calor”. Así, o seu traballo ten como obxectivo avaliar o risco hidroclimático e fenolóxico para a agricultura de secaño en Sudamérica, derivado dos cambios proxectados no transporte atmosférico de humidade e calor.