DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dunha convocatoria de axudas do seu programa Pulo

O Campus Auga financia cinco proxectos de valorización e transferencia do coñecemento xerado polos seus grupos de investigación

As temáticas van desde a produción de prebióticos ata a predición de riscos agroclimáticos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 30/07/2026

O Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia, financia cinco proxectos de valorización e transferencia do coñecemento xerado polos seus grupos de investigación. As súas temáticas abranguen a produción a escala de xilano e prebióticos de macroalgas para aplicacións alimentarias; a validación regulatoria dun ingrediente alimentario rico en xilooligosacáridos de palla de trigo; a caracterización e avaliación do potencial do mercado dun biofilm de insectos derivado de quitosano; o desenvolvemento e validación de fariña funcional a partir de bagazo de uva tinta do Ribeiro para aplicación en panadaría e unha ferramenta de predición de riscos agroclimáticos.

Os proxectos son os beneficiarios da convocatoria de axudas do Programa de Pulo á Valorización e Transferencia do Coñecemento do Campus Auga, financiada polo convenio de colaboración da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de accións estratéxicas no Campus Auga (2024-2027). Con esta convocatoria, a institución académica quere “apoiar proxectos con potencial de explotación e impacto no mercado e favorecer a transferencia de coñecemento á sociedade, asumindo un papel relevante no desenvolvemento económico da contorna e no fomento da cultura emprendedora”. 

Prebióticos con xilooligosacáridos

Dous dos proxectos beneficiarios desenvolveranse desde o grupo de investigación TEZE (Tecnoloxía Enzimática e Bioestruturas). O primeiro deles, coordinado por María Luisa Rúa, leva por título Produción a escala de xilano e prebióticos de macroalgas para aplicacións alimentarias (Xilnova). O seu obxectivo é validar a escala de planta piloto un proceso baseado en tecnoloxía encimática para a obtención de xilano e a produción de xilooligosacáridos (XOS) con actividade prebiótica a partir da macroalga vermella Palmaria palmata. A iniciativa dá continuidade a outras anteriores deste grupo nas que se deseñou e escalou un proceso encimático para a produción de XOS a partir de palla de trigo e se adaptou esta metodoloxía para o aproveitamento de macroalgas vermellas. “Un dos principais avances desta liña de investigación foi a obtención de XOS cunha estrutura diferente á dos prebióticos comerciais actuais, elaborados maioritariamente a partir de materias primas de orixe terrestre. Esta singularidade podería conferirlles propiedades funcionais e prebióticas diferenciadas, actualmente en proceso de avaliación”, sinala a investigadora. O novo proxecto “pretende dar un paso decisivo cara á transferencia desta tecnoloxía aos sectores alimentario, nutracéutico e cosmético mediante o escalado a planta piloto do proceso desenvolvido para obter ingredientes funcionais innovadores, sostibles e de alto valor engadido, contribuíndo á valorización de recursos mariños e ao impulso dunha economía máis circular e sostible”.

Nesta mesma liña do grupo TEZE, Ana María Torrado levará a cabo un proxecto de validación regulatoria dun ingrediente alimentario rico en XOS de palla de trigo. No seu caso, tamén dá continuidade a proxectos anteriores nos que desenvolveron un novo proceso biotecnolóxico para a obtención dun ingrediente prebiótico rico en xilooligosacáridos a partir de palla de trigo. “A súa singularidade radica no emprego de encimas como ferramentas chave para o deseño dun proceso limpo e a obtención dun produto final á carta, de alta calidade, e con distintas propiedades tecnolóxicas segundo a aplicación á que se destine”, comenta a investigadora. O obxectivo da iniciativa “é seguir avanzando na maduración dos resultados obtidos ata agora con vistas á transferencia final á industria do produto e o seu proceso produtivo”. Para iso, abordaranse as primeiras etapas da validación regulatoria do novo ingrediente prebiótico mediante a exploración dos requisitos regulamentarios necesarios para a súa comercialización en distintos mercados e a avaliación do estado actual de cumprimento.

Biofilm de insectos e fariña funcional

Outro dos proxectos beneficiarios é o proposto por Helena Raquel dos Santos Fernandes, do grupo BiotecnIA (Biotecnoloxía Industrial e Enxeñería Ambiental), co título Caracterización e avaliación do potencial do mercado dun biofilm de insectos derivado de quitosano obtido mediante tecnoloxías de baixo impacto ambiental. Nel estudará o potencial de transferencia ao mercado dun envase bioactivo de quitosano desenvolvido a partir de insectos adultos (Tenebrio molitor) mediante tecnoloxías verdes. Ademais, este traballo tamén ten como obxectivo caracterizar as propiedades mecánicas e bioactivas do envase para garantir a súa calidade e seguridade, así como aumentar o seu potencial de transferencia ao mercado, xerando “un verdadeiro impacto beneficioso na industria alimentaria e un maior retorno económico para a industria dos insectos”.

Pola súa banda, Pedro Miguel Ferreira Santos, do grupo de investigación Bio2Val (Biorefinería e Valorización da Biomasa), realizará un proxecto de desenvolvemento e validación de fariña funcional a partir de bagazo de uva tinta do Ribeiro para aplicación en produtos de panadaría. Con el preténdese "desenvolver unha fariña funcional a partir do bagazo de uva tinta da Denominación de Orixe Ribeiro para incorporala en pans e galletas máis saudables, ricos en fibra e compostos antioxidantes, aplicando os principios da economía circular”, sinala o investigador. Os produtos validaranse desde o punto de vista técnico, sensorial e comercial en planta piloto e en panadarías colaboradoras, favorecendo a súa futura transferencia ao mercado.

Predición de riscos agroclimáticos

Por último, o investigador Diego Fernández, de EphysLab-CIM UVigo (Environmental Physics Laboratory), acadou financiamento para o seu proxecto Ferramenta de predición de riscos agroclimáticos para a optimización de produción agrícola: validación e transferencia. O seu obxectivo principal é poñer en funcionamento un servizo dixital de apoio á toma de decisións no sector agrario. “A ferramenta combinará predicións meteorolóxicas de alta resolución, conxuntos probabilísticos e técnicas de intelixencia artificial para prever, con varias semanas de antelación, tanto a evolución e maduración dos cultivos como a presenza de condicións agroclimáticas adversas que poidan favorecer a aparición de enfermidades ou situacións de estrés”, comenta o investigador. Inicialmente, centrarase en dous sectores de especial importancia na provincia de Ourense: o cultivo da pataca e o sector vitivinícola. O proxecto permitirá validar a solución en contornas reais e adaptala ás necesidades de produtores, cooperativas e persoal técnico. Con esta iniciativa búscase “ofrecer información sinxela e útil que contribúa a mellorar a planificación dos traballos, reducir perdas e facer un uso máis eficiente da auga e dos tratamentos fitosanitarios, avanzando así cara a unha agricultura máis eficiente, sostible e resiliente”.