DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do convenio coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

O Campus Auga incorpora novo persoal investigador e de apoio para desenvolver a súa especialización

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 11/10/2024

O pasado mes de febreiro o Campus Auga, o proxecto do campus de Ourense arredor dos recursos hídricos e alimentación, acadou a súa acreditación como campus de especialización do sistema universitario galego por parte da Xunta de Galicia. Co obxectivo de desenvolver esta acreditación, o Campus Auga acaba de incorporar doce persoas, tanto persoal investigador como de apoio.

As novas contratacións, feitas tras un concurso público de méritos, prodúcense ao abeiro do convenio entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de accións estratéxicas no Campus Auga 2024-2027. “Estas incorporacións supoñen un salto tanto cualitativo como cuantitativo para a faceta investigadora do campus”, subliña Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense. Así, explica, con elas “non só se dan novas oportunidades a talento forxado na universidade cos contratos predoutorais e posdoutorais, senón que se facilita o traballo do persoal investigador coa incorporación de técnicos de laboratorio e xestores, que lles van a axudar moito en aspectos como a presentación de proxectos ou o contacto con empresas, etc”, subliña Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense.

O número total de incorporacións son doce. Oito son investigadoras e investigadores: seis predoutorais, para a realización das súas teses de doutoramento en relación con algunha das liñas de especialización do Campus Auga, e dous posdoutorais, para participar en investigacións relacionadas tamén con algunhas destas liñas de especialización. A elas e eles engádense dúas técnicas de laboratorio para manexo de infraestruturas de apoio e laboratorios deste campus de especialización; unha coordinadora de técnicos e infraestruturas e un xestor de I+D+i.

Outras accións: formación e escoita

Alén deste incremento dos seus recursos humanos, xa no eido formativo, o Campus Auga está a organizar, en colaboración coa OTRI da Universidade de Vigo, o Curso de formación de transferencia do coñecemento e tecnoloxía, destinado a persoal investigador e xestor do campus de Ourense. Nel, abordaranse “temas concretos e relevantes no mundo da transferencia, co obxectivo de incentivar a participación en actividades de transferencia do coñecemento e presentar as diferentes ferramentas dispoñibles para a interacción entre a universidade e o tecido socio-económico”. A docencia, presencial no campus de Ourense, será os días 16, 17 e 23 de outubro. A matrícula, que é de balde, está aberta ás persoas interesadas ata o día 14 deste mes.

Por último, o Campus Auga tamén vai abrir un proceso de escoita, tanto en ámbito universitario coma empresarial, para coñecer o seu posicionamento actual tanto dentro da Universidades de Vigo como na provincia na que se insire. Este proceso consistirá na realización dunha enquisa que se distribuirá aos diferentes colectivos involucrados.