DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades de Formación Profesional

O Campus Auga investirá este ano 1,2 millóns de euros en investigación, docencia, transferencia, innovación e gobernanza

A especialización do campus de Ourense está no ecuador da execución do seu plan 2024-2027

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Institucional
DUVI Ourense 02/03/2026

O Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia, destinará este ano 1,2 millóns de euros a accións de investigación, docencia, transferencia, innovación e gobernanza. Este investimento permitiralle “seguir consolidándose no Sistema Universitario de Galicia (SUG)” apostando polo liderado nas súas liñas especialización, que son alimentación funcional, agricultura e medio ambiente e xestión da auga termal. 

Este proxecto foi acreditado como campus de especialización do SUG por parte da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades en febreiro de 2024, asinándose posteriormente o convenio entre esta consellería e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento das accións estratéxicas do Campus Auga para o período 2024-2027. O investimento achegado pola Xunta de Galicia neste convenio é de 3.256.850 euros, distribuídos en catro anualidades: ano 2024 (428.450 euros); 2025 (1.008.000 euros); 2026 (1.205.900 euros) e 2027 (614.500 euros).  

Tras acadar con éxito a execución das anualidades de 2024 e 2025, o Campus Auga, dirixido polo profesor Roberto Ignacio Fernández, acadará neste 2026 o seu pico de actividade investindo 1.205.900 euros en catro dimensións básicas: investigación, docencia, transferencia e innovación e gobernanza, sumándose unha quinta dimensión transversal denominada equipo de xestión, destinada a consolidar a súa estrutura de xestión “para maximizar o impulso na consecución dos obxectivos de especialización”. 

O 71%, para investigación

A investigación, “esencial para avanzar no coñecemento e abordar os desafíos actuais e futuros do Campus Auga”, conta nesta anualidade de 2026 cun investimento de 861.000 euros, cifra que corresponde a un 71% do orzamento total do ano, “dato que reflicte a importancia do investimento neste ámbito”, tal e como sinalan desde a organización do Campus Auga. Este importe financiará actuacións fundamentais, tanto enfocadas nos recursos humanos de investigación, como son as distintas accións do programa de formación e captación de talento investigador e o programa de investigación INOU+, como as centradas no fortalecemento das infraestruturas científicas. Na actualidade, o Campus Auga aglutina 19 grupos de investigación, dez deles de referencia competitiva e moitos deles integrantes do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da UVigo, e máis de 330 investigadoras e investigadores que desenvolven a súa actividade científica nas liñas especialización do Campus Auga.

No referido á dimensión de docencia, “outro dos piares principais deste campus de especialización”, este ano conta cunha dotación de 204.500 euros para afianzar as distintas actividades que permiten potenciar tanto a oferta formativa vinculada ao Campus Auga como a empregabilidade dos seus egresados e egresadas, a través de bolsas para prácticas en empresa e o apoio á Feira EmpregoInCampus, así como o fortalecemento da visibilidade e viabilidade das titulacións e a súa promoción internacional. A estratexia do Campus Auga para este ano inclúe tamén diferentes accións en transferencia e innovación, cun orzamento de 66.000 euros para iniciativas como a consolidación dos programas de Pulo á valorización e transferencia e o espazo de emprendemento Venture Lab, así como de diversas xornadas e eventos, entre as que destacan a celebración do VI Congreso Internacional da Auga e a VIII edición dos Premios Campus Auga. 

Retorno para o campus, a cidade e a provincia

A execución da especialización Campus Auga, explica Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, “está sendo un éxito e un éxito colectivo”, pondo en valor e agradecendo o traballo realizado polo persoal docente e investigador e o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos. Así, subliña, “o músculo que nos dá a inxección económica da Xunta permítennos facer moitísimas cousas e sobre todo investir en capital humano, que ao final é sementar futuro para o noso campus”. Porén, o responsable académico subliña que “o desenvolvemento desta especialización non só redunda no crecemento ano a ano do propio Campus Auga senón que a actividade que se xera ao seu redor “é motor tamén para o desenvolvemento do campus de Ourense no seu conxunto, un campus periférico pero que é dos que máis medra en toda Galicia e que ten maior potencial de futuro”. Lembrando como está estudado que cada euro de financiamento público que recibe a UVigo retornan dous euros á sociedade, o vicerreitor lembrou que o Campus Auga “é tamén un proxecto importantísimo para Ourense, porque é un polo de xeración de actividade, de riqueza e sobre todo de atracción e retención de talento”, polo que amosou o seu desexo de que “non só a Universidade de Vigo senón tamén a cidade e a provincia de Ourense se sintan orgullos de ter un campus acreditado, un campus de especialización, como este”.