DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores entregáronse no Teatro Principal os galardóns deste proxecto de especialización

O Campus da Auga premia a investigación arredor deste recurso que se realiza en Ourense

Foron distinguidos sete traballos e tres iniciativas da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 13/12/2017

Este mércores o Teatro Principal de Ourense acolleu a celebración da gala de entrega dos I Premios de Investigación, Transferencia, Innovación Educativa e Divulgación Científica do Campus da Auga. Ante autoridades e membros da comunidade universitaria, dez investigadores e investigadoras subiron ao escenario para recoller uns galardóns que naceron co obxectivo de potenciar e visibilizar o traballo que se realiza na Universidade de Vigo en temas relacionados co motor estratéxico de especialización do campus de Ourense.

O acto, que contou cun monólogo científico a cargo de Big Van Ciencia ofrecido por Oriol Marimón, estivo conducido por Elena Seijo e dirixido por Fernando Dacosta. "A través deste acto queremos achegar á cidadanía o Campus da Auga, que supón un antes e un despois para o campus de Ourense", destacou Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense-Campus da Auga, durante a súa intervención na gala. O vicerreitor quixo agradecer aos diferentes membros da comunidade universitaria e ás institucións implicadas neste proxecto especialización o seu compromiso con esta iniciativa, da que destacou o seu carácter pioneiro no conxunto do estado. Esta especialización, recalcou Virxilio Rodríguez, "vén a superar sistemas e modelos tradicionais de facer as cousas", destacando o diálogo entre disciplinas e a transversalidade que conleva.

Pola súa banda, Julio Masid, director xeral de Viaqua, entidade que patrocina os galardóns, destacou como este certame permite "captar talento e fomentar a I+D, que no mundo da auga é fundamental". O responsable de Viaqua subliñou como, ante os retos que enfronta a sociedade respecto á auga, como é o caso das secas e inundacións, "a mellor contorna de traballo é a colaboración público-privada". A relevacia do Campus da Auga tamén foi destacada polas autoridades que participaron no acto. Se Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, salientaba como este proxecto de especialización supón "un punto de inflexión e unha aposta decidida" cuxo "efecto vai moito máis aló de Ourense", Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, facía fincapé "nas oportunidades que abre para todos". "A auga vai ser o motor científico de Ourense", afirmaba pola súa banda María Sol Díaz, delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense.

Os premiados e premiadas

A esta primeira edición dos premios, dotados en total con 3600 euros por Viaqua, presentáronse un total de 31 candidaturas, resultando gañadoras dez delas. O premio ao traballo fin de grao ou de mestrado máis destacado foi para a egresada da Facultade de Ciencias Nazaret Rodríguez, polo estudo fin de grao Valorización de augas mineromedicinais para a elaboración de cremas solares con extracto de pebida de bagazo. Deste traballo, a súa autora destacou na gala "os bos resultados obtidos" e o feito de que "valoriza dous recursos importantes na provincia, como son as augas termais e o bagazo". Nesta categoría tamén se concederon dous accésits aos traballos Estudo da evolución da concentración de Phytophthora e Alternaria sobre un cultivo de patacas e aplicación de modelos de predición, de Laura Meno, e Réxime xurídico das augas termais en Galicia e primeiros pasos xurídico-administrativos para o aproveitamento dunha surxencia termal nun fundo privado, de Iván Fernández.

O premio de investigación a teses de doutoramento foi para Óscar Sampedro, enxeñeiro de Telecomunicación pola Universidade de Vigo, pola súa tese sobre o deseño de sensores fotónicos para monitorización remota de ecosistemas. O seu galardón foi recollido polo seu pai, Amadeo Sampedro, e polo seu director de tese, José Ramón Salgueiro, destacando este último a importancia deste traballo no marco da responsabilidade co medio ambiente, xa que nel se desenvolven dispositivos que permiten avanzar na loita contra axentes contaminantes na auga, entre outras cuestións. Tamén se outorgou un accésit a Susana Peña pola súa tese sobre a influencia dos procesos edáficos na distribución de mercurio en solos naturais e aplicación de residuos agroalimentarios, como a concha de mexillón, para a súa inmobilización.

O premio de investigación á mellor contribución científica foi para o físico Luis Gimeno polo artigo publicado en novembro de 2016 na Annual Review of Environment and Resources titulado Major Mechanisms of Atmospheric Moisture Transport and Their Role in Extreme Precipitation Events. Lembrando a importancia da investigación do transporte de humidade atmosférica e a súa relación cos eventos climáticos extremos, como son as secas e as inundacións, o físico salientou "o firme compromiso" do seu grupo de investigación, Ephyslab, por seguir traballando en temas relacionados coa auga. Nesta modalidade tamén se concedeu un accésit a Laura Movilla por O dereito internacional da auga. Os acuíferos transfronteirizos.

Na categoría de innovación educativa relacionada con estudos de grao e posgrao outorgouse un accésit a Jesyca Salgado polo Curso Complementario: Organización e Desenvolvemento de Eventos Deportivos. As Claves do Éxito, que na súa edición de 2016 dedicou atención especial aos eventos deportivos relacionados coa auga. Por último, o galardón a accións ou actividades de divulgación científica recaeu no físico Juan Antonio Añel polo ciclo de conferencias Visións interdisciplinarias do cambio climático tras a COP21. Desta actividade, Añel destacou como durante cinco meses se tratou de "achegar á socidade unha problemática moi importante como é o cambio climático". Tamén se concedeu un accésit ao profesor da Facultade de Dereito Roberto O. Bustillo pola Revista de Derecho, Agua y Sostenibilidad Redas, a primeira publicación xurídica española especializada en auga e medio ambiente. O Premio ao Mellor Resultado de Transferencia declarouse deserto por non terse recibido solicitudes nesta modalidade.