DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vicerreitor do campus mantivo un encontro co capitán de navío Pedro Cardona

O campus dá a benvida ao novo director da Escola Naval Militar

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 07/09/2021

Afondar na liña de colaboración que desde hai décadas manteñen a Universidade de Vigo e a Escola Naval Militar de Marín. Con esa idea, o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, e o novo comandante-director da ENM, o capitán de navío Pedro Cardona Suances, mantiveron este martes o seu primeiro encontro institucional despois da súa toma de poesión como novo responsable da escola, na que se insire o Centro Universitario da Defensa (CUD), adscrito á UVigo. “A nosa idea era darlle a benvida ao comandante director e dicirlle que esta é a súa casa”, salientou Soto dun encontro no que puxo de relevo a vontade da institución académica de “seguir construíndo a relación entre as dúas institucións”, que desde hai máis de 25 anos promoven conxuntamente a Cátedra Almirante Álvrez-Ossorio. 

Nese senso, Soto, que estivo acompañado nesta recepción polo director da Área de Infraestruturas do campus, José María Cancela, lembrou que a ENM é unha “institución de prestixio”, na que a Universidade ten “varias misións”. Por unha banda, “a de fortalecer a ensinanza e aprendizaxe dos futuros profesionais da Armada” e, por outra, a de promover actividades, proxectos e investigacións no marco da Cátedra Álvarez-Ossorio, ao abeiro da que se desenvolveron nos últimos anos, lembrou, unha serie “de conferencias e actividades, tanto no campus como na propia Escola Naval”. 

“A nosa relación coa Universidade definímola en termos militares cunha palabra clara, estratéxica”, salientou Cardona nesta “primeira toma de contacto” de cara a seguir potenciando a “excelente relación” entre as dúas institucións. O comandante director lembrou que na ENM “confíamos á Universidade a formación científico-técnica dos nosos alumnos”, pá vez que toma parte tamén “na súa formación en valores, como persoa e como militares”, labor no que, lembrou, “as dúas institucións traballamos co mesmo obxectivo”. Cardona incidiu así mesmo na importancia da Cátedra Álvarez Ossorio, “que permítenos non só impartir aos nosos alumnos unhas conferencias moi interesantes, senón tamén conectarnos coa sociedade civil, cos nosos xefes, que son os cidadáns, o que para nós é algo tremendamente importante”.

Natural de Ferrol, Cardona Suances ingresou na ENM no ano 1990 e desenvolveu a maior parte da súa carreira profesional en buques de superficie, fundamentalmente en fragatas como a Asturias, Reina Sofía e Almirante Juan de Borbón. É diplomado en Estado Maior polo Joint Services Command and Staff College británico e máster en Defence Studies polo King´s College de Londres, ademais de especialista en enerxía e propulsión e en guerra eléctrica. O pasado 27 de xullo tomou posesión como novo comandante director da ENM en substitución do capitán de navío Ignacio Cuartero, que completaba o seu período de catro anos á fronte do centro.