DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa composición definirase nunhas probas dirixidas a garantir unha calidade inicial

O campus busca integrantes para o seu coro e grupos de música e baile tradicional

Trátase de iniciativas abertas ao conxunto da cidadanía

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 24/09/2026

A aulas e obradoiros de carácter formativo comparten espazo na programación cultural da Vicerreitoría do campus de Pontevedra con formacións máis orientadas á preparación de actuacións, como os grupos de música e de baile tradicional ou o coro polifónico, que manteñen aberto nestas semanas o seu período de inscrición para este curso. Promovidas coa colaboración do Concello de Pontevedra, trátase, nos tres casos, de iniciativas dirixidas tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía, nas que a composición final de cada agrupación definirase nunhas probas dirixidas a garantir un mínimo de calidade inicial.

Nos tres casos, trátase de actividades de carácter gratuíto e as persoas interesadas deberán presentar as súas solicitudes remitindo un correo ao enderezo vic.pon@uvigo.gal, achegando tanto os seus datos persoais como un currículo relacionado coa actividade en cuestión.

Grupos de música e baile tradicional

Creado no ano 2023, o grupo de música tradicional iniciará o seu cuarto curso co propósito de seguir traballando na preparación dun repertorio versátil, que lles permita tanto ofrecer concertos de corte máis didáctico, nos que afondar na historia da música tradicional en Galicia, como abordar un repertorio ao uso. Ata o 12 de outubro permanece aberto o prazo de presentación de solicitudes para unha formación aberta a dez compoñentes, dentro da que está prevista contar con catro gaitas, un acordeón, dous percusionistas e unha zanfona, ás que se suman outras dúas prazas para outros instrumentos melódicos e harmónicos. Á fronte desta agrupación estará Marina Fernández Vigo, gaiteira de Sondeseu e Os Melidaos e profesora no Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía de Arousa, ademais de responsable este curso da aula permanente de música tradicional do campus, que cubriu un ano máis as súas 40 prazas.

Neste caso, a proba para a elección de integrantes terá lugar o 22 de outubro na Escola de Enxeñaría Forestal, sede tamén dos ensaios que esta agrupación realizará cada dúas semanas ata o mes de xuño. No caso do grupo de baile tradicional, esta proba terá lugar o 23 de outubro, permanecendo aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o día 13. A mestra de canto, baile e pandeireta Montse Rivera situarase un ano máis á fronte dunha agrupación que conta con dez prazas e que desenvolverá os seus ensaios, tamén cada dúas semanas, no Pavillón Municipal dos Deportes. Trátase do terceiro ano de traxectoria dun grupo fornecido, en boa medida, por participantes no obradoiro de iniciación ao baile tradicional Como bailar nun serán, que cubriu igualmente todas as súas prazas. Ao igual que o grupo de música, entre os obxectivos desta actividade figura tanto a promoción e preservación da cultura e as tradicións musicais locais, como servir como un espazo no que “estudantes con talento musical poden reunirse e desenvolver as súas habilidades”, segundo recolle a convocatoria. 

Coro do campus

No caso do coro polifónico da Universidade de Vigo no campus de Pontevedra, o prazo de presentación de solicitudes pecharase o luns 5 de outubro e a proba dirixida a garantir un mínimo de calidade inicial terá lugar o martes 13. Por cuarto ano, esta agrupación terá á fronte á licenciada en musicoloxía pola Universidade de Oviedo e titulada profesional en piano polo Conservatorio de Xixón María Luisa Sánchez, directora tamén do coro do IES A Xunqueira I. Presentado na súa convocatoria como “un espazo de encontro humanístico, artístico e formativo, así como un punto de encontro interxeracional”, entre os obxectivos desta agrupación para o presente curso atópase “dar forma a un novo repertorio que se achegue tamén a novas tendencias musicais”. Farao a través de sesións semanais que combinarán un bloque inicial centrado na linguaxe musical coa preparación de pezas de diferentes épocas e estilos. Tras cubrir o pasado curso as súas 25 prazas, maioritariamente por persoas alleas á comunidade universitaria, “este ano seremos un pouco máis ambiciosos”, apunta Sánchez, que adianta que un dos obxectivos é levar a cabo un “proxecto conxunto” co coro do campus de Ourense e a orquestra da UVigo, “aínda que todo depende evidentemente do número de inscricións e do grupo que se forme”.

Ademais do prazo de solicitudes para estas tres agrupacións, a Vicerreitoría abría tamén nos últimos días a inscrición na aula de teatro do campus, que cubriu xa as súas 15 prazas. Dirixida a que tanto o alumnado universitario como calquera outra persoa interesada poida participar nas diferentes fases “dun proceso de creación teatral”, trátase dun obradoiro coordinado polo actor e director Jesús Salvador del Río, coa participación como docentes de Sonia Rúa e Omar Ferrín.