DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do programa ‘Falamos’, que promoven Universidade e Concello

O campus busca novos e novas galegofalantes

Unha serie de postos informativos dan a coñecer a iniciativa nos diferentes centros

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI Pontevedra 22/09/2020

Potenciar o uso do galego entre o alumnado do campus pontevedrés é o obxectivo central do programa Falamos, impulsado pola Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra, que desde este martes busca darse a coñecer entre a comunidade universitaria nos postos informativos que se irán instalando diante dos diferentes centros. Un ciclo de proxeccións e coloquios sobre películas, un club de lectura, un curso de cociña e un proxecto de voluntariado lingüístico integran o programa de actividades, de carácter gratuíto, desta iniciativa, nas que é posible inscribirse tanto a través da web do programa como nos diferentes postos informativos.

Os accesos ás facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e Belas Artes acollen este martes os postos desta iniciativa, resultado do traballo conxunto da Área de Normalización Lingüística da Universidade, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello e grupo de preto de 15 persoas do que forman parte tanto estudantado como profesorado do campus. “Entendemos que neste momento é un programa moi acaído, xa que os índices de galegofalantes no campus son baixos”, salientou o vicerreitor Jorge Soto na visita que realizou, xunto ao concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, ao posto instalado diante de CCSS e da Comunicación. Soto puña o acento deste xeito no informe realizado pola Universidade en 2018 e no que, no referido á súa lingua habitual, só o 18% das e os estudantes se definían como “monolingües en galego”, fronte a un 64% en castelán. “O idioma oficial da Universidade de Vigo é o galego, é algo que levamos no noso ADN”, engadiu o vicerreitor do campus. Alberto Oubiña, pola súa banda, puxo o acento en que a chegada á universidade pode ser “un momento marabilloso para cambiar de lingua”. Con esa idea o programa busca ofrecer, a través de diferentes actividades, un espazo de socialización en galego para o alumnado e coa idea de "chegar á maior parte dos rapaces e rapazas" despréganse nestes días esta serie de postos informativos, que se suman á difusión a través da rede, explicou o edil.

Vencer a “vergoña e a falta de costume”

Titulados en Belas Artes, Carmen Cuervo e Pedro González foron os primeiros en inscribirse, en CCSS e da Comunicación, nunha iniciativa da que destacaron a posibilidade de “coñecer xente e compartir afeccións” que achega o seu voluntariado lingüístico. “Alégrame moito que haxa este tipo de programas e que a xente se implique”, salientaba González, que incidía no interese deste tipo de propostas para vencer “a vergoña ou falta de costume”. 

En horario de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 horas, estes puntos informativos trasládanse mañá mércores á Escola de Enxeñaría Forestal e á Escola de Enfermaría. O xoves estarán situados en CCSS e da Comunicación, Fisioterapia e Ciencias da Educación e do Deporte e, xa a vindeira semana, o luns retornarán á EE Forestal e a Belas Artes e o martes instalaranse na sede da Vicerreitoría e nas facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia.