DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para fillos e fillas dos membros da comunidade universitaria de entre 3 e 16 anos

O Campus Camp ofrece 160 prazas para os campamentos deste verán

A inscrición neste programa de conciliación está aberta ata o 12 de xuño para Ourense e Vigo

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 22/05/2025

A un mes do comezo de verán, a Universidade de Vigo ten xa aberto o prazo de inscrición para o seu programa de conciliación estival, o Campus Camp. En total ofértanse 160 prazas nos campus de Vigo e Ourense, xa que en Pontevedra non se levará a cabo por falta de solicitudes no período previo de reserva de praza.

O programa ten como obxectivo facilitar a conciliación da vida profesional e familiar dos membros da comunidade universitaria durante o período de vacacións escolares, ao tempo que se facilita que os máis pequenos poidan coñecer a Universidade de Vigo. Deste xeito, nenos e nenas de entre 3 e 16 anos poderán gozar deste campamento preto do lugar de traballo dos seus pais e nais entre o 23 de xuño e o 5 de setembro, salvo durante o mes de agosto e os días festivos e as fins de semana.

Como xa é habitual, a inscrición pode realizarse a través de Campus Activo, adxuntando a documentación necesaria, previamente escaneada ata o 12 de xuño. As prazas outorgaranse por orde de inscripción ata cubrir o máximo establecido de 125 para o campus de Vigo e 35 para o de Ourense. O campamento arrancará este ano o 23 dese mesmo mes. 

Prezos e horario

As actividades do Campus Camp, de carácter educativo e moi lúdico, van dirixidas a fomentar a colaboración, o traballo cooperativo e a adquisición de habilidades específicas. Para adaptarse ás necesidades das familias, establécense diferentes quendas con distinto custe cada unha delas: período completo de xuño-xullo-setembro, cun prezo de 170 euros; só xuño ou só setembro, 35 euros; mes de xullo completo 130 euros; primeira ou a segunda quincena de xullo 65 euros, e  días soltos, cun prezo de 10 euros por día. A estes prezos aplicaránselle deducións no caso de segundo fillo ou filla matriculados (10%), terceiro (15%), cuarto (20%) ou quinto (25%). 

As actividades do campamento, tanto de carácter deportivo como artístico, recreativo e ambiental, adaptaranse ás diferentes franxas de idade e comezarán cada día ás 07.45 h ata as 15.15 horas, en xuño e setembro, e de 08.45 a 14.15 horas no mes de xullo.