Entregaranse 2500 euros en premios
O campus celebra esta fin de semana o seu X Torneo Internacional de Xadrez
O número de prazas dispoñibles é de 120 para cada un dos días
O 14 e 15 de setembro o pavillón universitario do campus de Ourense acolle o X Torneo Internacional de Xadrez. Co prazo de inscrición aínda aberto ata o día anterior, a cita oferta 120 prazas para cada un dos torneos que acolle: un de rápidas (o sábado) e outro lóstrego (o domingo). A cita está coma cada ano organizada polo club Xadrez Ourensán Universitario e a Universidade de Vigo, contando ademais co patrocinio do Concello de Ourense e a Diputación Provincial. O director é Jaime Viso. Entre as e os participantes estarán tres grandes maestres como son David Lariño, Ibragim S. khamrakulov e Aleksa Strikovic. "Afrontamos esta nova edición con moitas ganas e agardando que saia todo á perfección", indican desde a organización.
Torneo de rápidas
A competición arrancará coa celebración o sábado do Torneo de Rápidas. Comezará ás 10.30 h e clausurarase ás 20.00. Disputarase polo sistema suízo a nove rondas, cun ritmo de xogo de dez minutos por xogador para toda a partida aos que se engadirán cinco segundos de incremento por cada xogada realizada desde o primeiro movemento ata a caída de bandeira. O torneo é válido para ELO de rápidas.
Entregaranse en total 1775 euros en premios. Na categoría xeral concederanse sete premios; nas categorías tramo sub 2200 e sub 2000 ELO FIDE haberá un premio en cada unha; na categoría sub-16 haberá premio para os tres primeiros e na sub-12 trofeos para os tres primeiros. Por último, outorgarase un trofeo ao xogador pertencente ao Xadrez Ourensán Universitario mellor clasificado na competición.
Torneo lóstrego
O domingo, de 10.00 a 14.00 horas, terá lugar o Torneo Lóstrego, que se disputará polo sistema suízo de dez rondas. O ritmo de xogo será de tres minutos por xogador para toda a partida aos que se engadirán dous segundos de incremento por cada xogada realizada desde o primeiro movemento ata a caída de bandeira. O torneo será válido para ELO de blitz. Neste caso repartiranse 725 euros en premios. Na categoría xeral haberá dez premios e nas categorías sub-16 e sub-12 trofeos para os tres primeiros postos. Por último, darase un trofeo ao xogador mellor clasificado do Xadrez Ourensán Universitario.