DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Escolares do centro visitaron este venres a Facultade de Educación e Traballo Social

O campus colabora co CEIP Mestre Vide nun proxecto sobre o cómic como ferramenta educativa

A iniciativa quere traballar valores sociais a través de superheroes e superheroínas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 18/02/2022

A Facultade de Educación e Traballo Social colabora co CEIP Mestre Vide de Ourense nun proxecto educativo que se está a desenvolver nunha aula de Infantil dese colexio e no que nenas e nenos traballan valores sociais a través de superheroes e superheroínas de cómic. No marco desta iniciativa, este venres as nenas e nenos visitaron o campus para participar nunha actividade lúdica e formativa.

Este proxecto, explica a súa promotora, a profesora de Infantil do CEIP Mestre Vide Ana Rodríguez, “xurdiu o curso pasado, por votación dos nenos. Pregunteille que querían estudar o curso seguinte, que querían aprender, e a maioría quería superheroes”. Así naceu unha iniciativa que parte da metodoloxía por proxectos e que consiste en traballar co alumnado ao redor “dos valores para unha sociedade máis xusta, equitativa e respectuosa”. Para facelo, empregan as figuras dos superheroes de banda deseñada como estímulo para abordar as diferentes áreas do currículo.

Un cómic viaxeiro

A iniciativa contempla diferentes actividades. As nenas e nenos estiveron vendo e manipulando diferentes cómics na aula e decidiuse elaborar de xeito colaborativo, coa participación das familias, un cómic,  por ser o soporte máis característicos das historias de superheroes. “A partir do traballado na aula, búscase a implicación das familias, piar fundamental da educación”, sinalan desde a iniciativa. O cómic será, engaden, “un caderno en branco que, como un libro viaxeiro, irá de fogar en fogar para crear as aventuras de dous personaxes deseñados polas propias crianzas coa axuda de Anahí Barros, estudante da Facultade de Educación e Traballo Social”. Anahí, que conta con formación en ilustración, é a encargada de pór sobre o papel as ideas e preferencias que nenas e nenos manifestan de como queren que sexan os superheroes (unha mazá e un corazón por eles elixidos) que levarán á súa casa para sometelos, coa axuda dos seus proxenitores, a múltiples peripecias e aventuras.

No marco deste proceso creativo, as e os nenos desprazáronse este venres ao campus para participar nunha sesión coa profesora da Área da Didáctica da Lingua e da Literatura, Isabel Mociño, que lles explicou as principais características do cómic, mentes Anahí Barros ía perfilando cas nenas e nenos detalles dos superheroes antes do seu periplo polos fogares das familias implicadas. “Na actividade de hoxe explicámoslles algunhas cuestións básicas do cómic. Imos darlle unhas pautas básicas aos nenos e nenas e ás familias para que, dentro da liberdade para crear, todos vaiamos en sintonía co obxectivo final, que é crear esas aventuras dos protagonistas que entre eles decidiron que encarnan os valores positivos dos que queren aprender”, sinala Isabel Mociño.

Traballar coa realidade da contorna

Participar neste proxecto, comenta Isabel Mociño, “é todo un reto para nós, algo novo e unha oportunidade de aprendizaxe e sobre todo de conexión coa realidade”. A profesora salienta a oportunidade que iniciativas coma esta supoñen para que “os nosos alumnos e alumnas coñezan contextos reais nos que se está traballando con metodoloxías que nos parecen interesantes e polo tanto crear ese vínculo, ese feedback entre os propios centros educativos e a Universidade. Unha conexión que consideramos moi necesaria”.

Esta sesión no campus supuxo tamén a estrea da Aula de Recursos de Educación Infantil e Primaria, que se vén de pór en marcha na Facultade de Educación e Traballo Social. Trátase dunha sala multidisciplinar que nace con vontade de ser un espazo aberto a colaboracións e iniciativas de pequeno formato para fomentar o diálogo e a transferencia entre a Universidade e entidades da contorna. “O que queremos é que sexa unha aula para pequenos formatos, polo seu tamaño, pero que poida utilizalo profesorado das diferentes disciplinas, con pequenos grupos, e alumnado noso”, comenta Isabel Mociño.