DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con cursos de escalada, cine, radio, danza, comunicación, cerámica e tecnoloxías

O campus comeza a pensar no outono deseñando os obradoiros do primeiro cuadrimestre

O prazo para a pre-matrícula abrirase do 23 de xullo ao 31 de agosto

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Deportes
  • Música
  • Cultura
DUVI 19/07/2018

Co período lectivo deste curso 2017-2018 a piques de rematar, a Vicerreitoría do campus está xa a deseñar a súa programación complementaria para o vindeiro ano, pechando a oferta de obradoiros de Extensión Cultural para o primeiro cuadrimestre. En total ofértanse nove cursos de diversos eidos como arte, música, cine, danza ou novas tecnoloxías que se desenvolverán entre os meses de setembro e novembro e para os que a pre-matrícula se abrirá do 23 de xullo ao 13 de agosto.

Os primeiros en arrancar farano o 10 de setembro, coincidindo co inicio do curso e son os obradoiros de cinema comparado e de uso de motores gráficos. O primeiro deles, baixo o título Reflexos fílmicos. Obradoiro de cinema comparado, pretende formar a ollada crítica do alumnado sobre o cinema e as formas audiovisuais mediante a comparación directa entre obras sen relación aparente entre si. Para iso enfrontaranse dez parellas de películas e series a través dos seus reflexos temáticos, políticos, conceptuais ou formais. Pola súa banda, o curso de uso de motores gráficos-UNITY-Perfiles non técnicos baséase na aprendizaxe do funcionamento dos motores gráficos, así como a familiarización cos termos e nomenclaturas empregadas no deseño e desenvolvemento de produtos de entretemento interactivo, videoxogos, etc.

Unha semana máis tarde, o día 17, comezan outros dous obradoiros, neste caso sobre programación radiofónica e sobre lingua de signos. O primeiro deles consiste nunha iniciación á creación dun programa de radio co obxectivo de dar a coñece ao alumnado as distintas ferramentas necesarias para a creación dos diferentes contidos dun programa. O curso de lingua e cultura da comunidade xorda ofrece aos asistentes a posibilidade coñecer una lingua visoxestual, facendo un repaso pola crenzas erróneas sobre as linguas de signos e a comunidade e cultura xorda. O temario proposto combina contidos teóricos e prácticos, co obxectivo final de que o alumnado acade un nivel comunicativo básico da lingua de signos española e, ao mesmo tempo, contextualice o uso da lingua e coñeza os aspectos fundamentais da comunidade e da cultura xordas.

Cinco obradoiros que arrancan en outubro

O día 1 de outubro dará comezo outro dos obradoiros do primeiro cuadrimestre, desta volta centrado en aplicacións con arduino. A finalidade é que estudantes comprendan e saiban aplicar diferentes aspectos relacionados coa programación en Arduino, coñezan as características das placas e shields máis común e poidan executar programas no microcontrolador, entre outras competencias. Un día máis arranca botará a andar o obradoiro de iniciación á impresión 3D con materiais innovadores, no que se tratará de achegar a todos os asistentes os novos materiais, relacionados coa impresión en 3D, ademais da análise dos filamentos e como se comportan. Cabe a posibilidade de asesorar e axudar a crear todo tipo de proxectos que xa están en marcha tanto por alumnos de Enxeñaría Forestal, Belas Artes e mesmo Comunicación Audiovisual.

O día 11 de outubro comeza un dos cursos clásico do campus pontevedrés, o de introdución á danza tradicional galega. Aberto a toda a comunidade trata non só de ensinar a bailar as pezas da tradición galega, senón de potenciar a expresión corporal e de facilitar a preservación e transmisión da danza tradicional como Ben Cultural Inmaterial. Tamén en outubro se desenvolve o curso de cerámica, que se marca como obxectivo que as e os asistentes comprendan as diferentes técnicas de construción cerámica e o seu uso particular, así como as fases da produción cerámica (elaboración, bizcochado, esmalte, cocción final). A idea é que os participantes poidan realizar un proxecto cerámico con independencia e autonomía.

A programación péchase co curso de iniciación á escalada en rocódromo, que se desenvolverá do 19 de outubro ao 23 de novembro na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. A finalidade é achegar ao alumno á modalidade da escalada, sentando as bases para a aprendizaxe e posterior continuidade na escalada. As persoas inscritas aprenderán as técnicas e tácticas básicas para escalar no rocódromo, progresando con autonomía e seguridade, facendo especial fincapé nesta actividade como unha forma de superación enriquecedora para a formación.