DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A exposición "OITO_ARTISTAS.GAL" é unha das principais apostas para esta temporada

O campus consolida a súa actividade artística coa presentación do catálogo da Sala X

Recolle os traballos do seu primeiro ano de vida

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 10/03/2008

Coa intención de levar máis alá das fronteiras galegas as obras dos novos artistas que cada curso saen da Facultade de Belas Artes, este luns presentouse na Casa das Campás o catálogo da Sala X, unha recompilación dos traballos que se amosaron ao longo do primeiro ano de vida da sala de exposicións do campus. “Estamos nun proxecto de consolidación e de expansión para que a facultade cada vez conte con máis proxección fóra de Galicia”, comentou o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández. Xunto a el, a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª Carmen Cabeza, explicou que a realización deste catálogo é ”a consolidación dunha actividade que comezou no ano 2005 e, con ela, asistimos a unha iniciativa moi madura e con aspiracións a proxeccións exteriores moi claras”, ao que engadiu que “a partir de agora Pontevedra terá unha maior visibilidade”.
Con esta iniciativa a Sala X non soamente consegue un catálogo no que inmortalizar as exposicións que por ela pasan, senón que “é a forma de pór en valor unha sala para que teña un eco fóra da cidade e de Galicia”, subliñou o seu coordinador, Xosé Manuel Buxán. Esta primeira edición do catálogo terá unha continuidade no tempo e de feito “xa está prevista a publicación do segundo volume nun breve período de tempo”, engadiu Buxán.
Pola súa banda Hernández e Cabeza lembraron que a sala de exposicións do campus non sempre foi como a coñecemos hoxe xa que nos seus inicios, era simplemente un lugar onde estudantes e profesores gardaban traballos pero sen ningún tipo de estrutura organizada.

OITO_ARTISTAS.GAL

Seguindo coa mesma intención de dar a coñecer por toda España os traballos que se están realizando dentro das aulas do campus, a principal aposta da vicerreitoría e da propia Facultade de Belas Artes para esta temporada é a organización da exposición itinerante OITO_ARTISTAS.GAL. Trátase da continuación da iniciativa que xa se fixera con Lancôme con Grelos, pero a novidade deste ano é que os traballos dos novos artistas levaranse a cinco cidades de España e Portugal. León, Girona, Madrid, Porto e por suposto, Pontevedra, serán as sedes desta mostra que se inaugurará neste mes de marzo. Cun gran esforzo a nivel de organización e de financiamento, a vicerreitoría do campus amosa deste xeito o seu apoio aos estudantes que queren facerse un oco no eido da arte do noso país. Segundo comentou Jesús Hernández, “a Universidade de Vigo é a única de España que fai unha iniciativa deste tipo e´seguiremos adiante con ela”.
Tanto coa presentación do catálogo como coa exposición OITO_ARTISTAS.GAL, a vicerreitoría do campus quere dar a coñecer o pulo creativo, a forza e o interese da creación galega que se produce na Facultade de Belas Artes.