DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cedido polo Concello e nos terreos de Tafisa

O campus contará con máis de 3000 metros cadrados para pisos de estudantes

Ademais dos 20.000 destinados á nova Facultade de Belas Artes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Ana Terceiro DUVI 21/12/2007

O Concello de Pontevedra cederá arredor de 3000 metros cadrados dos terreos de Tafisa á Universidade de Vigo, para a construción de pisos para os estudantes universitarios. Así o confirmou o vicerreitor do campus pontevedrés, Jesús Hernández, trala reunión mantida co alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Cultura e Universidade, Lola Dopico. Trátase da construción de pisos-residencia aos que poderán acceder os alumnos e que se levantarán nunha parcela de entre 3000 e 4000 metros cadrados cedida polo concello. Esta fórmula de pisos residencia “é o máis factible tanto para os alumnos como pola mobilidade universitaria, a residencia é un modelo máis atrasado”, comentou o vicerreitor, Jesús Hernández.
Dentro do proxecto das vivendas de promoción autonómica que lle corresponde ao concello na urbanización de Tafisa, “daránselle entre 3000 e 4000 metros cadrados á Universidade en función das súas necesidades para que poidan promover os pisos para os estudantes”, afirmou Miguel Anxo Fernández Lores.
A intención é que a iniciativa se poña en marcha nun prazo aproximado de dous meses xa que, tras aprobarse provisionalmente, está á espera de que a Xunta de luz verde ao proxecto. Será entón cando comece a cesión de parcelas, na que a futura Facultade de Belas Artes, contará cunha superficie de 20.000 metros cadrados.

Outras iniciativas pendentes

Tafisa centrou a maior parte da reunión, pero aínda quedou tempo pata tratar outros asuntos pendentes como o proxecto da gardería para o persoal e o alumnado do campus. Segundo o vicerreitor “construirase na parcela da Escola Universitaria de Fisioterapia y será un edificio exento que tería espazo suficiente nesta zoa”.
Por outra banda, Jesús Hernández tamén anunciou ao alcalde de Pontevedra que a humanización do campus terá lugar no ano 2009 e que os problemas que existían coa Dirección Xeral de Costas xa están solucionados. O proxecto pretende peatonalizar a área central do campus e acondicionar aparcamentos na periferia, deixando libres os accesos aos campos de herba sintética e aos centros educativos da Xunqueira.
En xeral a reunión serviu para poñer ao día as axendas de ambas institucións e darlle un pulo ao proxecto de modernización do campus e a súa integración na beira no Lérez, a Illa das Esculturas e o vello Parque da Familia.