DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa colocación de seis novas caixas niño, dentro das accións do programa Green Campus

O campus continúa enchéndose de fogares para paxaros

Nuns meses, estudarase en que medida foron ocupadas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Pontevedra 23/02/2022

O seu emprazamento, a carón do Lérez e da xunqueira de Alba, e o propio feito de tratarse dun espazo que reúne preto de 350 árbores fan do campus de Pontevedra un lugar polo que transitan numerosas aves, que desde este mércores dispoñen de seis novas caixas niño que converter nos seus fogares. Elaboradas no taller de madeira da Escola de Enxeñaría Forestal, nunha acción enmarcada no programa Green Campus, esta iniciativa busca pór o foco na importancia que ten a preservación da biodiversidade, alén de proporcionar a paxaros de pequeno tamaño, como pardais, ferreiriños, rabilongos ou papuxas, un lugar no que aniñar.

Inserida no plan de acción do programa polo que o campus pontevedrés foi recoñecido coa bandeira verde que outorga da Foundation for Environmental Education (FEE), a través da asociación Adeac, trátase “dunha actividade que se repite cada ano”, coa idea de “ir cubrindo todas as zonas do campus e porque, co tempo as caixas vanse estropeando”, como explica o director do Green Campus e Campus Crea, Carlos Souto. O seu obxectivo, engade, “é contribuír á educación ambiental” da comunidade universitaria, á vez que trasladar “unha imaxe de que queremos ser un campus máis verde, máis ecolóxico e máis ambientalmente sostible”. Xunto a Souto, o director e a subdirectora da EE Forestal, Juan Picos e Ángeles Cancela, o técnico da escola Luis Torres, e a bolseira da Oficina de Medio Ambiente Antía Ares participaron este mércores na colocación destas seis caixas de madeira, elaboradas coa participación do alumnado coa máquina de control numérico deste centro. Nese senso, Picos destacou que para a EE Forestal “é moi importante” contribuír ás accións do programa Green Campus, así como o positivo de poder facelo cunha actividade que implicou que estudantes do centro, como neste caso Ares, “fagan un traballo que non deixa de ser formativo coa maquinaria que temos nos talleres da escola”.

Coñecer en que medida foron habitadas

As diferentes edicións desta iniciativa, que se leva a cabo nas semanas previas ao periodo de aniñamento de diferentes especies, fixeron posible que unha vintena de caixas se atopen actualmente espalladas por diferentes puntos do campus e motivan tamén que no presente curso se proxecte levar a cabo por primeira vez unha análise de en que medida foron empregadas como niños. “A idea é facelo ao remate da primavera, ver todas as caixas e saber se estiveron ocupadas ou non e se é posible identificar as especies que entraron polos restos das súas plumas”, explica Souto. De feito, a colocación nesta xornada dunha destas caixas a carón da Escola Infantil permitiu constatar como unha das que se instalaran, neste mesmo punto, en 2016 fora utilizada como niño recentemente.