DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Formados por especialistas de varias universidades e representantes do tecido social e empresarial

Campus Crea aborda cos seus comités consultivos o protocolo asinado coa Xunta para o impulso do proxecto de especialización

Achegará preto de dous millóns de euros para o desenvolvemento dun plan de mellora

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 27/04/2026

Abordar o estado no que se atopa o proceso de acreditación do Campus Crea, tras a sinatura dun protocolo coa Xunta de Galicia, foi o eixe central das xuntanzas dos comités consultivos académico e social-empresarial do proxecto de especialización desenvolvidas este luns. Integrados por persoal investigador de varias universidades e por responsables de diferentes institucións e entidades, as e os integrantes destes órganos de asesoramento abordaron nunhas xuntanzas, que combinaron o seguimento presencial e virtual, un acordo que contempla destinar preto de dous millóns de euros ao desenvolvemento dun plan de reforzo do Campus Crea no período 2026-2028. Nel inseriranse un conxunto de medidas orientadas a que o proxecto poida afrontar o proceso de acreditación como campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia.

Como unha “moi boa nova, que nos vai permitir facer un traballo excelente durante estes dous anos”, presentou o reitor, Manuel Reigosa, o protocolo xeral de actuación asinado o 14 de abril co conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez. Como explicou nunhas xuntanzas nas que estivo acompañado pola directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, este acordo implicará a posterior sinatura dun convenio que suporá unha achega de preto de dous millóns de euros os próximos dous anos, co obxectivo de que o campus de Pontevedra “poida avanzar na súa especialización”. 

En tres reunións na sede da Vicerreitoría, este acordo foi abordado en primeiro termo co comité consultivo académico, que reúne especialistas das universidades de Santiago de Compostela, Complutense de Madrid, Autónoma de Barcelona, Nacional Autónoma de México, Sharkah (Emiratos Árabes Unidos) e Minho. Dirixidas tamén a reunir as “visións complementarias” das e dos seus membros, a segunda reunión foi co comité social-empresarial, integrado por responsables do Concello de Pontevedra, Deputación Provincial, Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Museo de Pontevedra, Rede de Museos Municipais de Vigo, Academia Galega do Audiovisual, Foro Empresa Pontevedra, Creatividade Galega, Clúster da Comunicación de Galicia e da Asociación Profesional de Artistas de Galicia A Colectiva. Orientado o desenvolvemento dun plan de reforzo do Campus Crea, a través dun conxunto de medidas, centradas principalmente no eido de investigación, este protocolo foi tamén abordado nesta xornada co Consello Reitor do Campus Crea. 

Dous anos de traballo para acadar a acreditación

Como apuntou Reigosa, o feito de que o proxecto de especialización do campus de Pontevedra tivese “un carácter máis humanístico e social”, que científico ou tecnolóxico, implicaba “certas dificultades” de cara a acreditación por parte da Xunta de Galicia. De aí que fose preciso ir “cubrindo unha serie de etapas” ata acadar un acordo que permitirá, subliñou, "que se traballe a máis velocidade” na súa consecución. Nese senso, o reitor lembrou que foi preciso “facer que o foco” do proxecto “fora máis específico”, pasando a centrarse nas conexións da creatividade coa arte, o deseño, a comunicación a educación. Tratouse dun proceso “difícil a nivel interno, porque houbo que deixar titulacións fóra”, recoñeceu, pero que contribuíu, xunto aos cambios realizados na gobernanza do Campus Crea, á consecución dun acordo que permitirá avanzar “con maior velocidade” neste proceso.

Neste punto, Reigosa explicou que “como aínda existe algún tipo dificultade” no referido á avaliación “dun campus que baséase fundamentalmente en titulacións creativas”, o protocolo asinado outorga “un financiamento moi xeneroso” que vai permitir “profundar naquelas feblezas que os avaliadores atoparon na nosa proposta” nos dous próximos anos. Será a partir de entón, cando o Campus Crea poida optar a “ese selo de campus de especialización”, explicou.