DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Destinado a contrarrestar as consecuencias da pandemia no benestar psicolóxico

O campus crea un Grupo de Crecemento Persoal e Empoderamento para mulleres

A inscrición está aberta a integrantes da comunidade universitaria e de fóra dela

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • Académica
DUVI Ourense 04/05/2021

Illamento social, medo, sobrecarga de coidados, teletraballo... son algunhas das consecuencias que trouxo a pandemia e que teñen tido un grande impacto na sociedade. Porén, explica María Lameiras, catedrática da Área de Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxico da Universidade de Vigo, “a urxencia de tratar a saúde física nesta crise deixou de lado ata o de agora abordar os grandes estragos na esfera emocional que ten provocado e provoca esta situación”. Co obxectivo de contrarrestar estas consecuencias, a profesora pon en marcha un Grupo de Crecemento Persoal e Empoderamento no que dez mulleres terán a oportunidade de traballar aspectos como o autocoñecemento e os vínculos positivos cos demais para acadar maior benestar.  

Vivir de xeito máis pleno

A iniciativa, explica a profesora da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, nace no marco da actividade do Grupo Hildegard (Innovación en Sexualidade, Xénero e Saúde) e tendo en conta como están empezando a aflorar as consecuencias negativas no eido psicolóxico que esta pandemia ten tido e está tendo na sociedade e en particular nas mulleres, por cuestións como a sobrecarga dos coidados. O obxectivo deste novo Grupo de Crecemento Persoal e Empoderamento, engade María Lameiras, “é a promoción do benestar eudaimónico no contexto da pandemia da covid-19, entendendo este benestar como o proceso de coñecemento persoal que nos permita vivir de forma máis plena a nivel físico, mental, emocional, social e tamén espiritual”. Trátase non só de acadar “a ausencia de problemas senón de sentirse ben” e de “pór o foco na saúde e no benestar psicolóxico”, tal e como explica a responsable da iniciativa, que ten experiencia previa neste tipo de grupos nas universidades Johns Hopkins e George Washington.

A través do traballo grupal, detalla María Lameiras, preténdese “acompañar e apoiar o crecemento persoal e promover o empoderamento das mulleres, que cobra aínda máis relevancia no contexto de illamento social provocado pola pandemia”. Para acadar esta promoción do benestar, nas sesións do grupo abordaranse dimensións como o autocoñecemento, a autonomía, a autoaceptación e os vínculos e as relaciones positivas, aproveitando o apoio e a influencia que o grupo pode ter positivamente no reforzamento do crecemento persoal.

Inscrición aberta

Poden inscribirse nesta iniciativa, que é gratuíta, un máximo de dez mulleres maiores de 18 anos, da comunidade universitaria ou de fóra dela. A limitación de participantes, indican desde a organización, débese por unha banda ás características do traballo que se realiza nas sesións pero tamén ás esixencias de distancia e aforo en relación coa prevención da covid-19. As sesións desenvolveranse cada mércores de 20.30 a 22.00 horas na sala Emilia Pardo Bazán, no soto do Edificio de Ferro do campus. A actividade contará con nove sesións que se prolongarán desde o 5 de maio ata o 30 de xuño coa idea de que teña continuidade o vindeiro curso académico. As persoas interesadas en inscribirse teñen que enviar un correo electrónico cos seus datos á coordinadora da actividade, ao enderezo lameiras@uvigo.es.