DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun concurso de fotografía no que foron distinguidas tres alumnas de CC da Educación e do Deporte

O Campus Crea premia tres imaxes que trasladan tres visións da creatividade

A gañadora foi a estudante Zeltia Patiño 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 29/05/2023

Reunir múltiples visións do que a creatividade supón e significa. Ese era o propósito de concurso de fotografía en liña impulsado polo Campus Crea no marco da programación da Semana da Creatividade e da Innovación. Aberto á participación de toda a cidadanía, este certame buscaba reunir en Instagram un conxunto de imaxes que permitisen reflectir a idea de creatividade no seu sentido máis amplo. Das diferentes fotografías publicadas nesta rede social co cancelo #creaUVigo2023 polos inscritos e inscritas neste certame, o xurado decidiu outorgar o primeiro premio a unha imaxe que ten na natureza a súa principal protagonista e que foi realizada por Zeltia Patiño, estudante do Máster en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria. Dúas alumnas deste mesmo mestrado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Nerea Fernández e Cristina Pérez, foron así mesmo recoñecidas co segundo e terceiro premio. 

Resultado un paseo polo monte “nun día no que se deixaba ver un pouco o sol despois dunha mañá chuviosa”, Patiño Diéguez concorreu a este certame cunha imaxe na que buscou “reflectir a creatividade coa sinfonía de cores que compoñen” unha composición que, recoñece, podería ter titulado “a calma do monte”. A súa fotografía foi recoñecida cun primeiro premio, dotado cun vale de 200 euros para gastar en material formativo e educativo no comercio local. Trátase, engade, do primeiro galardón que obtén por unha fotografía, tras ter sido premiada en dúas ocasións polos seus debuxos. De feito, esta graduada en Educación Primaria admite ter recibido con sorpresa este galardón e recoñece que ter cursado no mestrado dúas materias relacionadas coa arte, “axudoume a plasmar o que se pedía”.

Da natureza en México a un patio escolar

Alumna deste mesmo mestrado, Nerea Fernández acadou o segundo premio, dotado cun cheque de 150 euros para material formativo, pola imaxe dun cenote que tomou en México. “Intentei reflectir a creatividade na fotografía a través da combinación de dous elementos totalmente opostos, como son a pedra e a auga, pero que se complementan nesta paisaxe, creando un xogo visual moi atractivo”, recoñece Fernández Suárez.

Estudante tamén do máster en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas, Cristina Pérez atopou nun paseo xunto ao seu fillo a imaxe coa que participar neste concurso e pola que obtivo un cheque con valor de 100 euros.Trátase da fotografía dun mural situado no interior dun centro educativo, no que se observa a unha serie de aves entre reixas. “A verdade é que me pareceu curioso e vin unha metáfora fotográfica clara”, sinala esta graduada en Educación Infantil, que deu á súa fotografía o título de Libres, coa idea de transmitir a mensaxe de como nenos e nenas chegan aos centros educativos “coas súas ideas e coñecementos previos” e como estes “moitas veces non se teñen en conta, levando a cabo metodoloxías tradicionais que fan que ao final todos pensen da mesma maneira, sen ter en conta as súas diferencias”, sinala. 

Continúa aberta a participacións nos III Premios CREA

A convocatoria deste certame de fotografía en liña inseriuse dentro do programa de actos impulsado polo Campus Crea con motivo da Semana da Creatividade e da Innovación, celebrada o pasado mes de abril e na que tamén se enmarcaban os III Premios CREA-Creatividade e Innovación. Dirixidos a promover o traballo interdisciplinar do alumnado, ata o 28 de xullo permanece aberto o prazo de presentación de traballos a unha iniciativa que busca premiar obras e accións realizadas por estudantado de cando menos dous dos ámbitos de coñecemento do proxecto de especialización do campus; saúde, comunicación, deseño, recursos naturais, gobernanza e pedagoxía na profesionalización docente. 

As persoas interesadas deberán presentar as súas obras na sede da Vicerreitoría, xunto cunha breve descrición do traballo e unha memoria explicativa do desenvolvemento do proxecto que permita coñecer a cooperación entre as diferentes disciplinas implicadas. As e os participantes optarán a tres premios cunha dotación económica de 1500, 1000 e 500 euros, respectivamente.