A mostra ‘Elas crean’ aborda a traxectoria de 15 artistas, fotógrafas, deseñadoras e cineastas
Campus Crea reivindica a creatividade en feminino
A exposición inicia en Belas Artes o seu percorrido por diferentes facultades
Promovida polo Campus Crea, co financiamento da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, a exposición Elas crean busca achegar á comunidade universitaria a traxectoria de 15 mulleres “referentes en diferentes ámbitos creativos”, como sinala a directora de Área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto. A través dunha serie de paneis, a mostra que desde este luns pode contemplarse na Facultade de Belas Artes presenta unha escolma de artistas plásticas, fotógrafas, cineastas e deseñadoras e busca tanto “dar visibilidae ao papel” de diferentes creadoras galegas como achegar o alumnado unha serie de figuras de referencia.
Coordinada por Fernández Souto, Beatriz Collazo e Alberte Román, a exposición iniciaba en Belas Artes, onde poderá visitarse ata o 21 de novembro, o seu percorrido por diferentes centros do campus. Conformada por unha serie de paneis informativos, Elas crean trasladarse logo á Facultade de Comunicación, onde poderá verse do 24 de novembro ao 12 de decembro, para exhibirse a continuación na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, entre o 15 de decembro e o 20 de xaneiro. “Despois dese primeiro paso pola Universidade, a nosa intención é que poida ir a centros de ensino secundario e que sexa unha exposición motivadora para o alumnado que queira vir estudar ao Campus Crea”, destacou Fernández Souto.
Con esa idea, á información sobre a obra e traxectoria destas 15 mulleres creativas súmase un tótem con información do propio Campus Crea, que, explica, “nace co obxectivo de achegar maior singularidade e especialización do campus de Pontevedra, dotando dunha identidade propia as diferentes áreas de coñecemento que existen vinculadas coa creatividade: arte, deseño, comunicación e educación”.
“Referentes reais e cotiás”
Na inauguración desta mostra, Fernández Souto estivo acompañada pola secretaria académica da Facultade de Belas Artes, Carmen Hermo, quen salientou que “é moi importante para as nosas alumnas, que son a maioría mulleres, ter referentes reais e cotiás dentro da súa profesión”. Esta iniciativa, engadiu, permitiralles “descubrir mulleres que pasaron totalmente desapercibidas e que son importantísimas”, así como constatar que conviven “no seu día a día” na facultade con “referentes creativas moi importantes”. De feito, entre as seleccionadas para esta mostra atópanse artistas como Ana Soler ou Mar Caldas, profesoras de Belas Artes, xunto a figuras como Maruja Mallo, “unha das maiores expoñentes do cubismo e o surrealismo en España”, como salienta esta exposición; a escultora e ceramista Elena Colmeiro, a premio nacional de artes plásticas Ángela de la Cruz ou Pamen Pereira.
No eido do audiovisual, a mostra pon en valor as traxectorias da catedrática da Universidade de Santiago de Compostela, escritora e cineasta Margarita Ledo; a directora, guionista, produtora e actriz Sonia Méndez e a cineasta Jaione Camborda, que en 2023 lograba a Cuncha de Ouro do Festival de San Sebastián coa súa película O Corno. No referido á fotografía, a exposición afonda na traxectoria de Cándida Filomena Otero, “pioneira da fotografía profesional e primeira fotógrafa de Pontedra; da artista visual e fotógrafa Eva Díez e de Lúa Ribeira, primeira galega en traballar para a axencia Magnum. Por último, no ámbito do deseño, Elas crean salienta a traxectoria da deseñadora gráfica Uqui Permui, das fundadoras do premiado estudio de deseño Yarza Twins, Eva e Marta Yarza, e da debuxante e acuarelista Carmen Arias, quen fora responsable da liña de xoias de porcelana de Sargadelos.
