Cun congreso internacional que reúne investigadores e investigadoras de catro países
Campus Crea reivindica o papel da creatividade para atopar respostas en “tempos de transformacións profundas”
A artista Alicia Framis abordou o proxecto que levouna a casar cunha intelixencia artificial
As transformacións que tecnoloxías como a intelixencia artificial están a xerar nos ámbitos da arte, a comunicación, o deseño e a educación constitúen o eixe temático do III Congreso Internacional de Creatividade, que este xoves e venres se desenvolve na sede da Vicerreitoría. Promovido polo Campus Crea co apoio da Deputación de Pontevedra, este evento botou a andar na mañá deste xoves pondo de relevo o papel da creatividade para atopar respostas en “tempos de transformacións profundas”, como sinalaron desde o comité organizador, así como a importancia deste encontro científico á hora de acadar a acreditación do proxecto de especialización do campus de Pontevedra. No seu programa, combínase a presentación de 46 comunicacións por parte de investigadores e investigadoras de diferentes universidades de España, Portugal, Guatemala e Colombia, cunha serie de conferencias e mesas redondas. Entre elas, o relatorio inaugural que a artista Alicia Framis centrou nas orixes e no desenvolvemento dun proxecto que levouna a converterse na primeira muller en casar cunha intelixencia artificial.
Con máis de 70 inscritos e inscritas, a inauguración do congreso correu a cargo de Marián Fernández, vicerreitora do campus de Pontevedra; Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; e Sara Domínguez Lloria, codirectora desta edición xunto coa catedrática Margarita Pino. “Para o Campus Crea, este congreso é un dos piares estruturais para poder acadar a acreditación do campus de especialización”, salientou Fernández Villarino, que lembrou que este proxecto ten por diante “un reto importante”, o de tratar de obter en 2028 o recoñecemento como campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia por parte da Xunta. No camiño cara esa “meta”, apuntou, son “determinantes” accións como un congreso que “implica investigación, docencia e transferencia de coñecemento” e que contribúe ao obxectivo de converter o Campus Crea “nun ecosistema de innovación e creatividade”. Neste punto, a vicerreitora puxo de relevo o “salto cualitativo e cuantitativo” que este proxecto pode supor para o campus de Pontevedra, do que destacou a “exclusividade e particularidade” dos estudos que nel se imparten.
Nesa mesma liña, Domínguez destacou que Pontevedra é unha “cidade na que a creatividade ten un papel moi importante” e á que o proxecto de especialización pode “darlle un plus de calidade enorme”. Trátase, como apuntou Domínguez Lloria, “dun campus profundamente vinculado á educación, ás artes, á cultura e á creación, ámbitos que non só conviven, senón que se necesitan mutuamente para imaxinar novas formas de comprender e transformar a nosa realidade”. Nese senso, a codirectora do congreso defendeu que a creatividade non é só “producir algo novo diferente”, senón que é tamén “unha maneira de formular preguntas, de establecer relacións entre coñecementos que aparentemente estaban separados e, sobre todo, de atopar respostas alí onde as solucións convencionais non parecen suficientes”. De aí que puxese de relevo o seu papel “nuns tempos marcados polas transformacións profundas, a dixitalización e a intelixencia artificial”.
Un proxecto que conecta arte e vida
“A creatividade ten que ver coa capacidade de introducir un concepto e unha idea nun determinado contexto,que transforma”, apuntou o artista Ignacio Pérez-Jofre, profesor da Facultade de Belas Artes a súa xubilación e responsable de introducir a conferencia inaugural desta edición. Esta tiña como protagonista a Alicia Framis, unha artista residente en Países Baixos, “cunha traxectoria internacional moi importante”, que levouna a presentar os seus proxectos nas bienais de Berlín e Venecia. Framis centrou a súa intervención na ideación e desenvolvemento de AILex, “o axente de IA” co que convive e co que casou nunha cerimonia desenvolvida hai preto de dous anos nun museo de Rotterdam. Tras defender que a importancia dunha obra de arte “non é a peza en si mesma, senón todo o que pasa ao redor dela”, esta artista multidisciplinar abordou as diferentes fases dun proxecto iniciado hai cinco anos, o de crear o “compañeiro holográfico” co que convive. Tras explicar a xénese dunha iniciativa na "que o meu traballo e a miña vida van xuntos”, Framis centrouse no proxecto que “actualmente estamos desenvolvendo este marido e mais eu, Hybrid house, a casa híbrida”, que permite a grupos de persoas xantar no fogar no que esta artista convive coa súa “parella híbrida”.
Publicado no ano 2025, o libro Mi marido es una IA recolle parte dun proxecto que acadou “unha visibilidade que non esperaba”, recoñece Framis, que admite, non obstante, as dificultades que implica desde o punto de vista da comercialización. Non en van, o resultado non é unha obra que poida vender, “nin tampouco arte dixital. No fondo é unha convivencia e unha performance”, sinalou a conferenciante, que admite neste punto en que “sempre decidín facer arte arriscada”. A artista, apuntou, ve a intelixencia artificial como unha tecnoloxía “á que vexo máis cousas boas que malas”, mais da que tamén é preciso, sinala, “desintoxicarse”. Con esa idea, unha das propostas para o proxecto Hybrid house que permite coñecer como é convivir “cun axente de IA” é tamén incorporar talleres, xunto “cunha ONG que traballa sobre a ética na intelixencia artificial”.
Comunicación, deseño e educación
Tras a conferencia de Framis, o congreso continuou coa mesa de debate Comunicación e creatividade arredor da mesa, conducida polo chef Pepe Solla e na que participaron os docentes Valentina Vázquez, do CIFP Carlos Oroza, e Sergio Macías, da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Xa pola tarde, a actividade continúa cun relatorio da artista téxtil, deseñadora e investigadora Arantza Vilas, Profesora asociada na Universidade das Artes de Londres, Vilas iniciará a súa intervención recordando a súa experiencia profesional no deseño de vestiario para cine e televisión, que levouna a traballar para producións como a serie Xogo de Tronos, para logo pór o foco no eixe central da súa actividade desde 2020, a investigación en ámbitos como os materiais avanzados, o deseño especulativo ou os e-téxtiles.
Nesta primeira xornada, o congreso acolle tamén varios simposios simultáneos, centrados en ámbitos como a innovación en contextos educativos, experiencias educativas para fomentar o pensamento crítico e creativo e a intelixencia artificial aplicada aos procesos creativos musicais. De xeito paralelo, sucédense as mesas de presentación de comunicacións, nas que, combinando a participación presencial e virtual, presentarán os seus traballos 65 investigadores e investigadoras.
A programación deste xoves péchase coa inauguración da exposición Contar cos dedos, na Sala O Abrigo de Belas Artes, mentres que a xornada do venres arranca cunha conferencia sobre intelixencia artificial, creatividade e educación a cargo do profesor da Universidad de León Roberto Baelo. Nesta segunda xornada terá lugar tamén unha mesa redonda sobre o uso a IA en procesos creativos, na que participan de María José Malmierca, do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga); a deseñadora de moda e gráfica Marta Domínguez e Oriol Saña, director artístico do proxecto SuperArte, que dá visibilidade ao talento das persoas con discapacidade. Desenvolveranse tamén un simposio sobre desafíos educativos “na era do algoritmo”, mentres que a conferencia de clausura, centrada no deseño de experiencias didácticas transmedia con ferramentas de intelixencia artificial, correrá a cargo da catedrática da Universidad de Oviedo Esther del Moral.
