DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras a súa ampliación, este luns tiveron lugar as reunións constitutivas destes órganos asesores

O Campus Crea reúne expertos académicos e representantes do tecido social e empresarial en dous comités consultivos 

O seu obxectivo é achegar unha “perspectiva externa” ao proceso de acreditación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 20/03/2023

No marco dos traballos para acadar a acreditación do Campus Crea como campus de especialización, a sede da Vicerreitoría acolleu este luns as reunións constitutivas de dous comités consultivos que prestarán un asesoramento externo a este proceso, un integrado por expertos e expertas de diferentes universidades e outro composto por representantes de diferentes institucións, entidades e colectivos profesionais. “Permitirannos ter unha perspectiva externa de como acometer melloras ou implantalas dentro do campus de especialización, nun caso desde un punto de vista máis científico e noutro, máis enfocado ao que o mercado laboral necesita das persoas egresadas do campus de Pontevedra”, salienta a directora de Área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto.

Nunha serie de xuntanzas que combinaron o seguimento virtual coa asistencia presencial, o Consello Reitor do Campus Crea, do que forman parte os decanos e decanas dos diferentes centros, aprobou a composición definitiva tanto do comité consultivo social-empresarial como do comité consultivo académico, xa que ambos incorporan unha serie de novos membros aos xa aprobados en decembro de 2019. “Para o proceso de acreditación é importante ter estes dous comités funcionando”, apuntou o reitor, Manuel Reigosa, que lembrou que dotarse destes órganos de asesoramento é un requisito “fundamental” para acadar o recoñecemento como campus de especialización por parte da Xunta de Galicia. Nese senso, o encontro deste luns, engadiu a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, tiña como obxecto presentarlles os eixes centrais do Campus Crea, nunha primeira xuntanza que posteriormente permita contar “coas súas opinións como expertos externos”.

Como explica Fernández Souto, no ano 2019 aprobarase unha primeira composición destes comités, “que agora retomamos e ampliamos con persoas que consideramos que tamén poden achegar un punto de vista interesante”. Nese senso, tras estas reunións constitutivas, buscarase que as e os integrantes destes órganos acheguen tamén “o seu punto de vista sobre as melloras que se poidan implantar”, explica, no marco dos traballos de actualización do plan estratéxico do Campus Crea. 

Institucións, asociacións empresariais ou colexios profesionais

No referido ao comité social-empresarial, trátase dun órgano constituído por representantes “das institucións de Pontevedra e tamén por asociacións, clústeres e entidades do ámbito das diferentes titulacións que se imparten no campus”, explica Fernández Souto. Por unha banda, entre os integrantes deste órgano atópanse a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco; o deputado de Réxime Interior, Economía e Facenda da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey. No referido ao ámbito profesional, forman parte deste comité o presidente do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, Gustavo Paseiro; o xerente do Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia, Roberto Silva; a xerenta do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, Patricia González; o presidente do Foro Empresa Pontevedra, Arturo Ramírez, e o arquitecto César Portela. Así mesmo, ao órgano súmanse neste 2023 a xerenta do Clúster da Comunicación de Galicia, María del Carmén García; o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra; a presidenta da asociación profesional de artistas A Colectiva, Iria Vázquez, e o presidente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, José Amado. 

Especialistas de universidades de catro países

No referido ao comité consultivo académico, este incorpora cinco novos membros aos aprobados en 2019, quedando integrado por dez expertos e expertas de universidades de España, Portugal, México e Emiratos Árabes. Concretamente, forman parte deste órgano Domingo M. Lopes, da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro; Carmen Ríos e Manuel Castillo, ambos da Universidade de Granada; Cristina García e Jorge Clemente, da Complutense de Madrid; Rosa Franquet, da Autónoma de Barcelona; Arturo Guillemaud, da Universidad Nacional Autónoma de México; Jairo Lugo, da Universidade de Sharjah, nos Emiratos Árabes; Teresa Ruao, da Universidade do Minho, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, José Manuel Álvarez.