DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A sexta promoción de grao celebrou o seu acto de graduación

O campus despide a 73 novos educadores e educadoras sociais

O acto tivo lugar no Edificio Politécnico

Etiquetas
  • Estudantes
  • Ourense
  • Estudantes
DUVI Ourense 25/05/2018

73 novos egresados e egresadas do Grao en Educación Social do campus de Ourense celebraron este xoves o seu acto de graduación. Acompañados de familiares, amigos e membros da comunidade universitaria, a sexta promoción deste título recolleu as súas bandas e diplomas nun acto no que non faltaron as palabras de recoñecemento para os catro anos de estudo desenvolvidos, para a lembranza do tempo compartido e para o desexo do mellor dos futuros para cada unha e cada un destes novos titulados da Facultade de Ciencias da Educación. 

O acto estivo apadriñado por María Victoria Carrera e  Alexandre Sotelino e contou coa participación de José María Faílde, director da Área de Planificación do campus de Ourense. Á nova promoción, Mar García, decana da Facultade de Ciencias da Educación, quixo darlle “os parabéns en nome de todos o membros do centro, pero non só a vós tamén aos que vos acompañan hoxe, orgullosos e emocionados, porque ese título de graduada ou graduado en Educación Social”. A decana tamén lles felicitou “por ter escollido unha profesión que esixe un compromiso diario coa sociedade, que require proporcionar as persoas recursos, competencias e estratexias que lles permitan desenvolverse plenamente e integrase no grupo social”.