DUVI

Diario da Universidade de Vigo

25 estudantes realizaron este cuadrimestre o curso oficial de Estou

O campus despide a unha nova fornada de monitoras e monitores de tempo libre

A formación está acreditada pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
DUVI Ourense 18/12/2018

Cada venres, sábado e domingo desde mediados de outubro, o campus de Ourense acolleu a celebración nas súas instalacións dunha nova edición do Curso de Monitor/a de Actividades de Tempo Libre, organizado pola Escola de Tempo Libre Universitaria do Campus de Ourense (Estou), coa colaboración da Asociación Universitaria de Ciencias da Educación AUCE. A formación remata agora facendo desde a organización un balance moi positivo do seu desenvolvemento.

O Curso de Monitor/a de Actividades de Tempo Libre ofrece ás e aos participantes unha intensa de formación trala que obteñen o título oficial para exercer como monitoras ou monitores de tempo libre con todo tipo de colectivos, desde nenos e nenas ata maiores. “ Xa son cinco anos que levamos dando estes cursos, cunha media de tres cursos cada ano... e a avaliación é sempre moi positiva, tanto na organización coma da docencia”, comenta Millán Brea, promotor da iniciativa. Mostra da satisfacción do alumnado co desenvolvemento desta formación, apunta como cada edición as prazas se esgotan ao pouco de abrirse a matrícula e como hai alumnado do curso que quere facer as súas prácticas na propia Asociación Auce.

350 horas

Como en cada edición, o curso conta con 350 horas, 200 delas de formación teórica e 150 de prácticas que comezan a realizar agora as e os estudantes inscritos. O perfil das e dos participantes, indican desde a organización, é maioritariamente de alumnado de Educación Infantil e Primaria e Educación e Traballo Social, “aínda que cada vez máis contamos con alumnado de Ciencias e incluso de Administración e Dirección de Empresas e Dereito”, segundo sinala Millán Brea. Ao longo das semanas de formación, os contidos abordados son os indicados polo decreto correspondente de Xuventude e xiran arredor de temas como a animación, os xogos, o medio ambiente, etc. , facendo fincapé no curso en transmitir estes contidos cunha metodoloxía pedagóxica. Os docentes encargados de impartir as sesións de traballo son profesionais do mundo do tempo libre e persoas formadas en anteriores edicións do curso e que se implican habitualmente nas actividades das entidades organizadoras.

Ao rematar o Curso de Monitor/a de Actividades de Tempo Libre, as e os participantes obteñen un título de monitores de tempo libre acreditado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia e poden non só ser monitores de tempo libre para nenos e nenas, senón tamén para outro tipo de públicos, como persoas maiores ou con diversidade funcional. A seguinte convocatoria deste curso, indican desde a Escola de Tempo Libre Universitaria do Campus de Ourense será en febreiro de 2019.