DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres clausurouse a décimo cuarta edición do curso sobre esta temática

O campus despide unha nova xeira de profesionais formadas para a intervención socioeducativa con persoas afectadas de alzhéimer

A iniciativa é froito da colaboración entre Afaor, Fundación Dorzán e Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Saúde
  • Estudantes
DUVI Ourense 10/04/2026

Este venres celebrouse no campus de Ourense a clausura e entrega de diplomas do XIV Curso de Intervención Socioeducativa con Persoas Afectadas pola Enfermidade de Alzhéimer. A formación lévase a cabo cada curso académico na Facultade de Educación e Traballo Social froito da colaboración entre a Asociación de Alzhéimer de Ourense-Afaor, responsable da actividade, a Fundación Dorzán e a Universidade de Vigo.

A vintena de persoas inscritas, alumnado de diferentes cursos da citada facultade, adquiriron coñecementos sobre a enfermidade de alzhéimer e demencias similares, sobre os tratamentos farmacolóxicos, os recursos institucionais, o tratamento legal, o papel das familias nestas enfermidades ou a bioética, entre outros aspectos. Especialistas en cada unha das materias foron os encargados de impartir a docencia de 40 horas do curso, que logo se complementou coa realización de 20 horas de prácticas titorizadas por Afaor. Na clausura desta edición participaron Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social; Secundino Vidal, vicepresidente da Fundación Dorzán, e Sara Ruíz, vicepresidenta de Afaor. Elas e el destacaron a relevancia desta formación e a excelente acollida que ten en cada edición a pesar da súa xa dilatada traxectoria.