O mini-ximnasio está no 3º andar do bloque C do edificio de Ciencias Experimentais
O campus estrea o seu primeiro Espazo Muver para a realización de pausas activas
Conta con dúas bicis de spinning, unha elíptica e un stepper
Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), o sedentarismo está asociado cun maior risco de padecer enfermidades cardiovasculares, cancro ou diabetes. Por iso, moverse durante a xornada laboral ou académica é esencial para mellorar o benestar, tanto físico como mental. Nesta liña de fomentar a actividade física, a Vicerreitoría de Extensión Universitaria acaba de estrear o primeiro Espazo Muver da Universidade de Vigo, un mini-ximnasio situado no edificio de Ciencias Experimentais que busca facilitar que tanto alumando como profesorado e persoal de administración poida realizar algún tipo de práctica física sen necesidade de despazarse ás instalacións deportivas do campus nin de inscribirse en ningún programa.
A idea xurdiu, como explica Xabier Rial, director técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte, para fomentar as pausas activas e animar á comunidade universitaria a empregar arredor de 15 minutos de descanso á realización dalgún tipo de actividade física, porque “sempre é bo momento para facer deporte!”.
O espazo foi inaugurado este mércores polo decano de Ciencias do Mar, Miguel Ángel Nombela, a decana de Bioloxía, Mercedes Gallardo, e por representantes das delegacións de estudantes das tres facultades que comparten este edificio: Ciencias do Mar, Bioloxía e Química. Este é o primeiro espazo deste tipo que se crea na UVigo, unha “experiencia piloto” que, segundo Rial, sevirá para avaliar a resposta da comunidade universitaria. “Veremos como funciona, o uso que se fai do espazo” e, dependendo da acollida, “non descartamos colaborar con outras escolas e facultades” para crear outros Espazos Muvers nos campus.
Un mini-ximnasio
O espazo está equipado con dúas bicis de spinning, unha elíptica e un stepper, máquinas procedentes das instalacións deportivas dos campus de Vigo e Pontevedra, tras unha reformulación e reestruturación destes espazos. Situado no terceiro andar do bloque C, ten unha superficie de 4X4 metros cunha ampla parede acristalada con vistas ao exterior. Dado que non vai contar con persoal técnico, conta cun panel informativo con instrucións e recomendacións sobre o uso das máquinas.
Tras a primeira toma de contacto co espazo por parte das e dos usuarios, dende a Área de Benestar, Saúde e Deporte non descartan ampliar a dotación de material co que conta este espazo, xa que as máquinas serven principalmente para traballar as pernas. “Tentaremos incluír equipación como esterillas para exercicios de chan ou TRX para traballar o tren superior”, por exemplo.