DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nos puntos habilitados nas diferentes facultades e escolas ata este venres

O campus impulsa unha nova semana de recollida de aparatos electrónicos 

A iniciativa insírese no plan de acción do Green Campus

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Pontevedra 09/03/2020

Concienciar á comunidade universitaria da importancia que ten o correcto tratamento dos residuos con compoñentes contaminantes é un dos obxectivos centrais da Semana de Recollida de RAEEs (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) que, no marco das accións do proxecto Green Campus, desenvolve desde este luns a súa décimo segunda edición. Ata este venres 13, as diferentes facultades e escolas do campus, a sede da Vicerreitoría, o Pavillón Universitario e a Escola Infantil do campus terán habilitado no seu acceso un punto no que a comunidade universitaria poderá depositar diferentes aparellos que funcionan con electricidade, pilas ou baterías. Organizada coa colaboración da Oficina de Medio Ambiente da Universidade e inserida no plan de acción do proxecto Green Campus, os diferentes electrodomésticos, aparatos ou compoñentes informáticos que se reúnan ao longo da semana serán posteriormente trasladados a un xestor autorizado para o seu correcto tratamento, coa excepción daqueles e aquelas que sexa posible destinar ao Grupo de Reciclaxe Informática da Universidade (Gruvi) 

Máis de 200 aparatos reunidos na anterior edición

Segundo recolle o plan de acción do Green Campus, ao longo do curso levaranse a cabo tres edicións desta iniciativa. A primeira delas tivo lugar o pasado mes de novembro e permitiu reunir un total de 201 aparellos nos diferentes puntos habilitados no campus. Cables, cargadores, ordenadores, impresoras, monitores, teclados, escáneres ou radios foron algúns dos aparellos que a comunidade universitaria depositou en maior número nestes puntos, que posibilitaron a recollida de máis de 900 quilos de RAEEs.