Con experimentos en vivo e múltiples dinámicas interactivas
Campus do Mar e CIM achegan a alfabetización oceánica a máis de 500 escolares da provincia de Pontevedra
Búscase sensibilizar sobre a importancia do coidado dos océanos e espertar vocacións científicas
Trasladar o coñecemento científico sobre os océanos, sensibilizar sobre a súa importancia e preservación, así como salientar o papel fundamental que xogan neste senso os centros de investigación mariña da Universidade de Vigo, son os piares que sustentan o programa itinerante Alfabetización oceánica nas aulas, financiado polo Centro de Investigación Mariña, CIM, e concibido e promovido pola súa subdirectora de comunicación e divulgación, Paloma Morán, quen destacou a importancia de organizar este tipo de iniciativas dirixidas a incrementar a sensibilidade de nenas, nenos e as súas familias cara o coidado dos océanos.
A iniciativa forma parte das accións de alfabetización oceánica do Campus do Mar, coordinadas por Kais Mohamed, e conta coa colaboración da empresa de asesoría medioambiental Arenaria Coordinación. O obxectivo é promover un maior coñecemento sobre a importancia do océanos en 12 centros educativos da provincia de Pontevedra, dous deles de educación especial, involucrando a máis de 500 estudantes de 3º e 4º de educación primaria. Búscase que o alumnado comprenda a relevancia dos océanos e o impacto que a actividade humana ten sobre eles, proporcionándolles as ferramentas necesarias para tomar decisións informadas e responsables sobre o uso sostible dos recursos mariños no futuro.
7 principios básicos de alfabetización oceánica
A través de múltiples materiais adaptados, experimentos en vivo e dinámicas interactivas, cativos e cativas tiveron a oportunidade de coñecer os sete principios da alfabetización oceánica, comprendendo o papel esencial do océano na vida e no clima, a súa influencia nos ecosistemas e nos seres humanos, a necesidade da súa exploración e conservación, así como a responsabilidade da sociedade no seu coidado.
As sesións combinaron cinco actividades manipulativas para fomentar a aprendizaxe experiencial, ademais de experimentos científicos para ilustrar conceptos clave como a biodiversidade mariña, as correntes oceánicas, a salinidade ou o impacto do cambio climático nos ecosistemas mariños.
Un impacto que transcende ás aulas
“Os máis pequenos teñen unha gran capacidade de aprendizaxe e, grazas a estas actividades, poden desenvolver unha maior sensibilidade cara ao coidado dos océanos, o que tamén pode espertar vocacións científicas no futuro”, explica a impulsora da iniciativa, a profesora Paloma Mórán. Ademais, subliñou o efecto multiplicador deste tipo de programas, no senso de que “os cativos falan moito coas súas familias sobre o que aprenden na escola e iso tamén contribúe a que os adultos adquiran conciencia sobre a importancia de protexer os ecosistemas mariños”.
Pola súa banda, o coordinador desta actividade no CIM e o Campus do Mar, Kais Mohamed, subliñou que “achegar o coñecemento dos océanos á sociedade é un piar fundamental da transferencia do coñecemento que levamos a cabo habitualmente dende o noso centro”. Nesta liña, destacou tamén outras iniciativas lideradas polo Campus do Mar como Scientists meet Artists, que se apoia na sinerxía entre Arte e Ciencia para canalizar o coñecemento científico empregando canles innovadoras que apelan fortemente ás emocións e así achegar este coñecemento dunha forma significativa a unha sociedade cada vez máis diversa.
Desde Arenaria Coordinación destacan, así mesmo, os beneficios de achegar a alfabetización oceánica en idades temperás, tanto a nivel educativo como na formación de valores ambientais. “Estas actividades espertan a curiosidade natural das nenas e nenos, permítenlles comprender o método científico mediante a observación e experimentación e fortalecen habilidades como a resolución de problemas. Ademais, axudan a interiorizar hábitos sostibles, como a redución de plásticos e o consumo responsable”.
Actividade enmarcada na Década dos Océanos
Esta iniciativa enmárcase na Década dos Océanos para o Desenvolvemento Sostible (2021-2030), promovida pola ONU para frear o deterioro dos ecosistemas mariños e fomentar novas oportunidades de desenvolvemento sostible. Así mesmo, está aliñada co programa Ocean Literacy for ALL da UNESCO, que busca aumentar a conciencia global sobre a conservación, restauración e uso sostible dos océanos, así como coa plataforma EU4Ocean da Comisión Europea, enfocada na promoción da Alfabetización Oceánica.
