DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Campus masculino encaixa outra derrota e o feminino volve gañar

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Marta Casanova DUVI 17/12/2007

O Campus masculino encaixou a décimo primeira derrota da tempada por 64-76 ante o Gauzón Ibérica nun partido que seguiu a tónica xeral dos últimos encontros. Segundo o seu adestrador, Xulio González, “comezamos gañando e xogando máis ou menos ben ata o descanso pero no terceiro cuarto os rivais puxéronse por diante. Ao final, un desastre”. As causas desta sucesión de partidos perdidos non están claras pero o adestrador apuntou que “a xente está con exames e non se puido preparar axeitadamente o encontro”.
A vindeira oportunidade para darlle a volta a esta mala racha de resultados e rematar o ano coa ansiada vitoria será o sábado á tarde en Ourense ante o Mos, outro dos equipos situados na parte baixa da clasificación.

O equipo feminino volve gañar

Pola contra, o equipo feminino gañou en Baiona ante o Mario Puentes por 38-50. As do Campus foron moi superiores ás rivais e o resultado, segundo Roberto, o adestrador, “non reflicte o que foi o partido, puidemos vencer por máis pero fallamos moitos tantos fáciles, sen oposición, tivemos moitos erros”. Pese a que a fortuna non axudou e que o marcador estivo axustado ata o final, no último cuarto marcaron as diferenzas e sumaron a segunda vitoria da tempada.
O equipo descansará ata despois do Nadal da competición oficial aínda que o sábado despois do partido masculino as rapazas xogarán un amigable cun rival aínda por concretar. A Liga Interzonal volverá o 16 de xaneiro ante o Colexio Mariano.