DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este curso chegaron 88 alumnos foráneos

O campus multiplica por nove o número de estudantes estranxeiros que recibiu dende 2004

Os 27 do segundo cuadrimestre foron recibidos nun acto de benvida

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 28/02/2008

Cos 27 alumnos estranxeiros que durante o segundo cuadrimestre estudarán en Ourense, sumados aos 25 que xa o fixeron no primeiro e aos 36 que permanecerán na cidade durante todo o curso, o campus alcanza unha cifra total de 88, o que supón nove veces máis que hai catro anos. Os novos estudantes, foron recibidos nun acto de benvida polo vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez, o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, e a técnica da Oficina de Relacións Internacionais, Eva Garea.

Posicionamento no exterior

Precisamente Iván Area explicou que a Universidade de Vigo se está a converter “nun referente en canto a mobilidade de estudantes, situándose no posto 13 en canto á cifra absoluta de alumnos recibidos e no número 9 se facemos a proporción respecto ao total de matriculados propios e alleos. Isto para nós é unha gran satisfacción pero, evidentemente, é froito do traballo dos centros e especialmente dos de Ourense, un campus que multiplicou por nove o número de estudantes foráneos”. O motivo, segundo Area, non é outro que a firme aposta do equipo de goberno por “posicionar a Vigo no exterior e para iso tomamos medidas como ser a única universidade española que concede desgravacións docentes por este traballo, por exemplo”, explicou.
Para o vicerreitor do campus de Ourense, Juan Franciso Gálvez, “estas cifras reflicten a satisfacción dos alumnos que veñen e que ao volver aos seus países de orixe dan boas referencias do campus e animan á xente a vir, polo que teño que agradecervos a vosa elección” dixo aos asistentes á vez que puxo a súa disposición “a miña axuda, a dos coordinadores de intercambio que hai en cada centro e a da ORI, así como todas as instalacións e facilidades para realizar diversas actividades ao marxe das académicas”.
Pola súa banda, Eva Garea, resaltou “a variedade de nacionalidades, xa non son só europeos como hai uns anos, agora temos brasileiros, mexicanos, senegaleses, turcos e incluso árabes polo que en breve contamos superar a barreira dos 100”.

Un amplo programa de actividades

A técnica da ORI presentou tamén o plan de actividades que teñen preparado para os alumnos visitantes e que inclúe “excursións para coñecer Ourense e os seus arredores, así como o resto de Galicia coa súa costa e as súas praias e incluso unha viaxe a Oporto. Tamén queremos que coñezades as nosas institucións con visitas aos concellos” dixo.
Respecto dos idiomas, Iván Area comentou que “en Galicia temos dúas linguas, o galego e o castelán. Por suposto, estades invitados a seguir os cursos de español do Centro de Linguas para que melloredes o voso nivel pero tamén, dende a Área de Normalización Lingüística, vos ofrecen cursos para que aprendades galego”.
Xa por último, Rodrigo Alberte, técnico do Servizo de Deportes foi o encargado de presentar a programación deportiva que se oferta no campus.