DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entre as novidades hai un de visibilización da saúde mental na mocidade

O campus oferta cinco cursos de verán para “refrescar ideas”

Están abertos á inscrición das persoas interesadas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cursos
  • Cultura
DUVI Ourense 10/05/2024

Baixo o lema Ideas frescas! a programación do campus de Ourense de cursos de extensión universitaria, os chamados cursos de verán, xa está en marcha. Nesta ocasión son cinco as propostas organizadas pola Vicerreitoría do campus con financiamento da Deputación de Ourense e que abranguen temáticas como a saúde mental da mocidade, o cinema galego, a historia e patrimonio de Ourense, a biodiversidade e a lingua de signos.

A programación foi presentada este venres no campus de Ourense, contando coa participación das e dos responsables de cada curso. No acto, Fracisco Javier Rodríguez, vicerreitor deste campus, agradeceu o apoio da Deputación de Ourense a esta iniciativa a través do convenio anual que se asina entre a UVigo e o órgano provincial. Das propostas deste verán subliñou que abordan “contidos moi acaídos para o momento no que estamos” e que permiten “achegar a Universidade non só á cidade de Ourense senón a outros lugares da provincia”. Igualmente, Rosendo Fernández, deputado de Representación Institucional, puxo en valor os froitos da relación existente entre as dúas institucións e a oportunidade que ofrecen estes cursos para aproveitar o tempo de verán para “aprender, visitar e espertar a curiosidade”.  

A principal novidade nesta edición é a celebración do curso Visibilización da importancia da saúde mental na mocidade, dirixido por María Teresa Barge, deputada de Xuventude e Igualdade de Ourense, e José María Faílde, profesor da Facultade de Educación e Traballo Social. “O obxectivo principal deste curso é explorar e visibilizar a importancia da saúde mental na mocidade. Pretende proporcionar ferramentas e coñecementos clave, como a identificación de factores de risco, a promoción da resiliencia e o autocoidado para comprender, previr e abordar os problemas relacionados coa saúde mental na mocidade”, explican desde a súa organización. A actividade será do 17 ao 25 de setembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Propostas dentro e fóra da cidade

Outras dúas das propostas contan cunha dilatada traxectoria e teñen lugar cada ano fóra da cidade de Ourense. A primeira delas é o Curso de Medios Audiovisuais que se celebra en Celanova e que nesta edición leva por título 20 Anos co cinema galego. Industria, cultura, identidade. Coordinada por Miguel Anxo Fernández, a cita volverá a facer un repaso polo sector en Galicia e acollerá a celebración dun taller de produción audiovisual, Celanova, plató de ficción, con alumnado de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo. A cita será do 24 ao 28 de xuño. Xa en Muíños terá lugar do 12 ao 14 de xuño o curso Biodiversidade ambiental, retos e perspectivas, dirixido desde a Facultade de Ciencias por María Fernández e que xa conta cunha traxectoria de case 30 anos. “Nel tratarase de avaliar dende unha perspectiva científica a grande importancia que teñen elementos como a conservación da biodiversidade, a dispoñibilidade de recursos hídricos, etc, para preservar a biodiversidade e asegurar un desenvolvemento sostible para a sociedade do século XXI”, apuntan desde a súa organización. A iniciativa permitirá ás persoas asistentes coñecer o espazo natural protexido da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés e desenvolver aptitudes de espírito crítico para unha educación e xestión ambiental.

Completan a programación dous cursos que terán lugar no Edificio de Ferro do campus de Ourense. O primeiro deles é Ourense no tempo: historia, arte e tradicións (II), que se celebrará do 11 ao 14 de xuño baixo a dirección do profesor da Facultade de Historia Xosé Ramón Campos. Nel afondarase na historia, arte, patrimonio e xeografía da provincia, cunha abordaxe multidisciplinar e co reto de “contribuír ao respecto e á conservación dos bens culturais a través do coñecemento dos seus significados e valores”. Tamén neste edificio, do 15 ao 19 de xullo e do 22 ao 24 de xullo terá lugar, con dirección do profesor da Facultade de Educación e Traballo Social Breogán Riobóo, o curso Iniciación á lingua de signos española, á comunidade e cultura xorda. Ferramentas socioeducativas inclusivas. Alén de achegar esta lingua ás persoas participantes, a proposta tamén busca “pór en valor á comunidade xorda, a súa cultura e lingua” e “promover a equidade como proxecto social a partir do concepto ecolóxico da discapacidade”.

A matrícula está aberta aos membros da comunidade universitaria e á cidadanía en xeral e realízase a través do Campus Activo da Universidade de Vigo. Os cursos teñen entre 30 e 45 horas de duración e están recoñecidos cun crédito ECTS por cada 30 horas de traballo. O seu prezo oscila entre os 10 e os 30 euros, habendo diferentes descontos para colectivos vinculados coa institución académica. Por último, o número de prazas varía entre as 20 e 25.