DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abertos á inscrición da comunidade universitaria e da cidadanía en xeral

O campus oferta este cuadrimestre 14 obradoiros de extensión universitaria

Abranguen desde teatro e danza ata o éxito comercial e a observación astronómica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 03/02/2026

Ata o 11 de febreiro está aberta a inscrición na programación de obradoiros de extensión universitaria do campus de Ourense para este segundo cuadrimestre. Organizados pola súa vicerreitoría con financiamento da Deputación Provincial, nesta ocasión son 14 os cursos ofertados e abertos á inscrición das persoas interesadas, sexan ou non membros da comunidade universitaria. 

A matrícula realízase a través do Campus Activo da UVigo. O prezo de cada obradoiro é de 41 euros para o público xeral e 26,65 ou 32,80 euros para diferentes colectivos vinculados á Universidade de Vigo. O número de prazas dispoñibles oscila entre as 10 a 25. Os obradoiros están recoñecidos cun crédito ECTS por cada 25 horas de traballo, contando cunha media de entre 20 e 33 horas de duración cada un deles, excepto as aulas de teatro que se prolongan máis tempo. 

Novidades e reedicións

Entre as novidades deste cuadrimestre está o obradoiro Éxito comercial: claves para emprender e facer medrar un negocio, dirixido por Federico Martín Miretti e destinado “a persoas que queren mellorar os resultados dun negocio, xa sexa propio ou alleo”. Tamén se oferta por primeira vez o curso Introdución a 3D con Blender, no que, baixo a dirección de Alberto Abal, se ofrece “unha introdución completa ás prácticas máis importantes para comezar a formación neste campo, abranguendo todos os pasos implicados na creación dunha obra de arte en 3D”.

Outra novidade é o obradoiro Exposición á pornografía online na adolescencia: análise, impacto e intervención socioeducativa, dirixido por Jennifer Rodríguez. Nel abordarase “como a pornografía dixital e as redes sociais inflúen na vida das persoas adolescentes, nas súas relacións, na construción da sexualidade e nos roles de xénero”. Desde a mesma Facultade de Educación e Traballo Social tamén se presenta o curso O proceso de reinserción sociolaboral con persoas privadas de liberdade. Dirixido por Jesús Deibe Fernández Simo, nel abordaranse as dimensións clave do proceso de acompañamento socioeducativo e dos principais retos dos mecanismos de apoio a este colectivo. 

A programación deste cuadrimestre inclúe unha nova edición do obradoiro Costura creativa e sostible, pero xa ofrecendo un segundo nivel, co obxectivo de que o alumnado, baixo a dirección de Estefanía Carrera, “progrese no deseño, a elaboración de patróns e a confección de pezas de roupa”. Tamén volve o obradoiro de Introdución á observación astronómica, a cargo do físico José Ramón Salgueiro. Nel as persoas participantes coñecerán os principais obxectos de observación astronómica: lúas, planetas, estrelas e galaxias… e as técnicas de observación máis habituais. Outra das propostas que se retoma é Obradoiro de fotografía creativa, dirixido por Santiago Barreiros e que ofrece “un programa que combina aspectos técnicos e artísticos co obxectivo de desenvolver proxectos fotográficos creativos e innovadores que comuniquen de forma eficaz e eficiente”. 

Aulas de teatro, danza e música

Como xa é tradición, os membros da comunidade universitaria e a cidadanía interesada tamén teñen a oportunidade de apuntarse este cuadrimestre ás aulas de artes escénicas do campus de Ourense. As aulas de teatro estarán de novo a cargo de Sarabela Teatro e con dirección de Fernando Dacosta: a aula Rosaura, o primeiro nivel, está aberta ás e aos que se inician no eido teatral; o segundo nivel, Cordelia, ás persoas que xa teñen algo de experiencia e Maricastaña acollerá ás e aos que teñen un nivel máis avanzado. Igualmente volve, baixo a dirección de Gonzalo Abelairas, o obradoiro de Música tradicional galega: gaita e percusión, que afonda na música patrimonial e tradicional, en técnicas de gaita, tipos de dixitación e estudo do repertorio, entre outros aspectos.

Completan esta listaxe os obradoiros da Aula de Danza Contemporánea, baixo a dirección de Nuria Sotelo. Haberá dous: un de Formación, impartido pola propia Nuria Sotelo e Mikel Aristegui, e dirixido a todas as persoas interesadas no traballo creativo a través do corpo e o movemento; e outro de Creación escénica, impartido por Ainhoa Linaza, dirixido a persoas con experiencia previa en danza e no que se abordará desde una perspectiva colectiva a creación escénica. Igualmente volve unha nova edición do obradoiro de Danzas do mundo e interculturalidade, no que baixo a dirección de Ana María Torrado as persoas participantes achegaranse a un repertorio variado de danzas que inclúe danzas infantís, xuvenís, históricas e populares dos cinco continentes.