Abertos tamén á inscrición da cidadanía interesada
O campus oferta once obradoiros para enriquecer a vida universitaria
Abranguen desde teatro, danza e música galega ata política internacional, fotografía e costura
Este cuadrimestre, a programación de obradoiros de extensión universitaria do campus de Ourense ofrece once propostas. Organizados pola vicerreitoría con financiamento da Deputación Provincial, a oferta abrangue desde cursos xa moi consolidados, como as aulas de teatro, ata novidades como obradoiros de política internacional. Están abertos á inscrición das persoas interesadas, sexan ou non membros da comunidade universitaria.
A matrícula está aberta ata o 2 de outubro e realízase a través do Campus Activo da UVigo. O prezo de cada obradoiro é de 41 euros para o público xeral, 26,65 para a comunidade universitaria e 32,8 para outros colectivos vinculados á Universidade de Vigo. O número de prazas dispoñibles oscila entre as 10 a 25. Están recoñecidos cun crédito ECTS por cada 25 horas de traballo, contando cunha media de entre 20 e 36 horas de duración cada un deles, excepto as aulas de teatro que se prolongan máis tempo.
Dúas novidades e tres reedicións
Dúas son as novidades deste cuadrimestre. A primeira é o obradoiro Coñecemento estratéxico na política internacional contemporánea, dirixido polo profesor Luis Velasco. Nel proponse “un percorrido pola historia da intelixencia e do espionaxe como instrumentos da política exterior”, combinando análise histórica, casos de estudo e traballo con fontes primarias desclasificadas. O segundo é A política exterior de España en retrospectiva (1976-2026): 50 anos de democracia e acción internacional, dirixido por Serxio María Rodríguez. “A través de estudos de caso, documentos diplomáticos e debates, o alumnado coñecerá a evolución da acción exterior de España, o seu papel na Unión Europea, na OTAN, en Iberoamérica e no Mediterráneo”, sinalan desde a organización.
Outras tres propostas volven á programación de edicións anteriores pero con algunha actualización. A primeira delas é o obradoiro Proceso de reinserción laboral con persoas privadas de liberdade. Dirixido por Jesús Deibe Fernández Simo, ofrece unha visión socioeducativa da intervención con este colectivo, explorando técnicas de acompañamento, metodoloxías de intervención e o deseño de itinerarios personalizados de inserción. Tamén repite o curso de costura creativa sostible, dirixido por Estefanía Carrera e destinado a introducir ao público participante en como dar unha segunda vida ás prendas. Por último, este cuadrimestre volve o curso Aprende a mellorar as túas fotografías, dirixido por Santiago Barreiros e no que se amosarán trucos e técnicas para mellorar as imaxes, tanto desde o punto de vista técnico como creativo.
Aulas de teatro, danza e música galega
Os sete obradoiros restantes son propostas que xa se teñen ofertado anteriormente no campus e que están consolidadas. Como xa é tradición, os membros da comunidade universitaria e a cidadanía interesada teñen a oportunidade de apuntarse este cuadrimestre ás aulas de artes escénicas do campus de Ourense. As aulas de teatro estarán de novo a cargo de Sarabela Teatro e con dirección de Fernando Dacosta: a aula Rosaura, o primeiro nivel, está aberta ás e aos que se inician no eido teatral, o segundo nivel, Cordelia, ás persoas que xa teñen algo de experiencia e Maricastaña acollerá ás e aos que teñen un nivel máis avanzado.
Tamén volven as dúas propostas da Aula de Danza Contemporánea: unha de creación escénica, no que se explora “o corpo, o movemento e o espazo como ferramentas de expresión”, e outro de formación, no que se aborda “o corpo como ferramenta de coñecemento, expresión e relación”, impartidos ambos por Nuria Sotelo. Por último, a aula de gaita continúa baixo a dirección de Gonzalo Abelairas, co seu obradoiro de Música tradicional galega: gaita e percusión, que inclúe nocións da música patrimonial e tradicional, técnicas de gaita, tipos de dixitación e estudo do repertorio, entre outros aspectos.
